Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
'PREMIOS PEQUÍN' e 'AXUDAS CAMIÑO PEQUÍN'

Os olímpicos teñen un mes para conseguir 15 mil euros

Os cartos han axudar a chegar aos Xogos Olímpicos con forza. En total Deporte Galego vai destinar 300 mil euros para estas subvencións.

Redacción - 17:37 22/02/2008

Esta sexta feira sae publicada no DOG a orde dos 'Premios Pequín' e das 'Axudas Camiño Pequín' que lles han axudar aos deportistas galegos a chegar con forza, sobre todo no peto, ás Olimpiadas.

A partir deste sábado os e as deportistas galegos/as clasificados para os XXOO Olímpicos de Beixín e para os Parolímpicos, ou con opcións de poder facelo, poderán solicitar esta axuda (porque con cartos, a preparación deportiva pódese volver óptima, e posibilitar unha participación de calidade nos Xogos).

Terán 30 días naturais para presentar a súa solicitude e toda a documentación requirida. Nun prazo máximo de catro meses saberán se lle foi concedida a subvención.

Até 15 mil euros por deportista
Hai dúas liñas de axudas. A primeira é para os deportistas xa clasificados, que recibirán unha axuda de 15 mil euros. A segunda é para aqueles deportistas que aínda non se teñen clasificado, pero que seguen loitando por conseguir unha praza. Estes últimos optarían a unha axuda de até 15 mil euros por beneficiario; no caso de que finalmente o/a deportista chegue ao seu obxectivo, completarase a axuda até chegar aos 15 mil euros.

Será unha comisión de avaliación a que estudará os expedientes dos/as solicitantes deste segundo tipo de axudas, e valorará o seu proxecto deportivo, a súa traxectoria, os resultados deportivos, etc.

Ao recibir os cartos, os beneficiarios comprométense a participar en actividades de difusión do programa e de promoción do deporte durante o ano 2008, así como a participar nos campionatos galegos ou a representar a Galiza nos campionatos estatais, salvo causa de forza maior (como que interfira na súa preparación para os Xogos).

Cursos para saber xestionar as axudas

Ademais, o vindeiro 27 de febreiro comeza unha serie de cursos, organizados por Deporte Galego, para axudar na xestión das subvencións, dirixidos aos directivos/as e técnicos das distintas Federacións Deportivas Galegas ou ás asociacións deportivas.

Entre os contidos que se tratarán destacan a nova lei de subvencións de Galiza e as axudas ao Deporte Galego no 2008. Asemade, a Dirección Xeral para o Deporte decidiu realizar estes cursos en varias cidades do país para facilitar a participación dos e das cidadáns.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: