Horas antes de que abrise a campaña o líder do PPdeG saía outra vez en defensa do colectivo que pide a derrogación da Lei de Normalización Lingüística.
O presidente do Goberno, Emilio Pérez Touriño, considerou este xoves na súa comparecencia despois do Consello da Xunta, que o PPdeG "anda montando bulla, crispación e confrontación" ao respecto da cuestión lingüística e advertiulle aos populares de que "non van ter éxito nisto das guerras". Touriño referíase así ás palabras do presidente do PPdeG ao respecto do acontecido en Vigo o día anterior ás portas dunha conferencia contra o galego, onde a policía cargou enriba dos mozos que se concentraban con carteis que incluían lemas contra as posturas dos asistentes a ese acto.
Na opinión do presidente do PPdeG o "milleiro de persoas" que acudira á convocatoria da asociación Galicia Bilingüe foron "agedidas, insultadas e ameazadas" polas ducias de mozos que se concentraron en protesta polas posicións que mantén este colectivo. Núñez Feijoo aproveitou para solicitarlle ao Goberno que "condene de forma clara e rotunda" o que cualificou de "totalitarismo destes radicais". De paso, o líder dos populares galegos aproveitou para poñerse da parte do colectivo e instar a Xunta a que "reflexione e rectifique a súa política lingüística".