Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Acusado de falta "moi grave"

Cesamento do comandante militar arrestado polo informe sobre a Lei da Memoria

O Ministerio de Defensa reitera a orde aos acuartelamentos de todo o Estado para facer reconto dos vestixios da época franquista a retirar.

Redacción / Europa Press - 09:00 22/02/2008

O comandante militar da Coruña e Lugo, o coronel do Exército de Terra Lorenzo Fernández Navarro de los Paños, foi cesado do seu cargo e sancionado cun arresto, segundo lle confirmou a Europa Press un voceiro do Ministerio de Defensa. Fernández Navarro, que fora anteriormente arrestado, recibe agora un correctivo polo informe confidencial que elaborou sobre a Lei da Memoria Histórica.

O voceiro do departamento que dirixe José Antonio Alonso indicou que o oficial foi expedientado e destituído do seu cargo e que o expediente determinará se cometeu unha falta grave ou moi grave. A sanción vai asinada polo xeneral xefe da Cuarta subinspección Xeneral do Exército de Terra (SUIGE), con sede en Valladolid.

Segundo estabelece a Lei de Réxime Disciplinario das Forzas Armadas, as faltas leves poden ser sancionadas cun arresto de entre un e 30 días de duración no domicilio ou no acuartelamento. As sancións por falta grave, coma a que lle corresponde a este caso, poden levar consigo un arresto dun mes e un día ata dous meses en estabelecemento disciplinario militar.

A comezos do pasado mes de xaneiro, o departamento que dirixe José Antonio Alonso ordenoulle aos Cuarteis Xerais dos Exércitos de Terra e do Aire e da Armada que realizasen un inventario sobre todos os símbolos que poidan verse afectados pola Lei da Memoria Histórica. Os Estados Maiores de Terra, Aire e Armada transmitiron á súa vez a mesma orde aos seus acuartelamentos e unidades de todo o Estado para ter coñecemento de todos os vestixios da época franquista que poidan albergar.


5/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: