Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
ESTÁNDARES WEB

4 de marzo: día sen Internet Explorer

A idea propúxose nunha xuntanza de desenvolvedores web en Barcelona para concienciar os usuarios. Choan Galvez, un dos seus impulsores, explícanos en que consiste.

M. del Río - 18:55 19/02/2008
Logotipo de Internet Explorer 7

Logotipo de Internet Explorer 7

Unha idea xurdida dunha reunión de desenvolvedores web en Barcelona acabou derivando nunha campaña na rede para concienciar os usuarios contra o navegador web de Microsoft. Os profesionais, que se xuntan mensualmente en Cataluña, decidiron que había que facer algo para denegarlle o acceso ao Explorer. Ao final, decidiron marcar o día 403 (o 4 de marzo), que se corresponde coa mensaxe que envían os servidores cando se denega o acceso.

Segundo explicou un dos impulsores da idea, Choan Gálvez, xa están a traballar nunha web oficial, 403day.org, onde se incluirá un manifesto. "Queremos facerlle saber ao mundo os prexuízos que causa o dominio de mercado dun navegador de pésima calidade: prexuízos económicos para as empresas e de saúde para os desenvolvedores". Pero a intención non é que todo o mundo abandone o Explorer: "Non se trata de que todo o mundo use Mozilla, nin de impedir que quen o desexe utilice Explorer. Se se tratase de impedir o uso de Explorer, sería día 403 todos os días", explica Gálvez, "senón de facerlles saber aos usuarios que poden ter mellores experiencias e salvar vidas usando outros navegadores".

O obxectivo último do día 403 é "a interoperabilidade das páxinas e aplicacións que creamos. Para iso necesitamos navegadores cun bo soporte dos estándares. A marca e a cor é indiferente. Por outra banda, este ano o día 403 vai dedicado ao Explorer. Quizais o ano que vén haxa que defender a causa fronte a outro navegador, quen sabe? Oxalá non haxa que volver organizalo".

A idea callou e xa se converteu nunha auténtica campaña na rede. Xa chegou a Galiza a través do blog de Ascárida, que xa conseguiu que se sumen á iniciativa outros blogueiros. Por outro lado, os desenvolvedores de Cataluña xa publicaron as medidas necesarias para que quen o desexe poida "pechar" a súa web ao Internet Explorer o 4 de marzo. Para os máis espelidos, en Artnau.com atópase o código que hai que introducir no arquivo .htaccess do servidor. Para os usuarios do xestor de bitácoras Wordpress, Choan Gálvez programou un engadido que se encarga de todo.


4.88/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: