Segundo a sondaxe o BNG mantería os seus dous deputados en Madrid aínda que baixaría en votos.
Despois de que o venres a enquisa do CIS debuxase un escenario de empate técnico entre o PSOE e o PP de cara ás eleccións do 9 de marzo, este domingo dúas novas sondaxes outórganlle aos socialistas unha diferenza meirande. La Vanguardia estima unha vantaxe de catro puntos, e de trece escanos. Así, o PSOE mantería os seus resultados de 2004 e sumaría un deputado máis; mentres, o PP reduciría a distancia, crecendo 1,4 puntos e catro escanos, mais ficando sempre por detrás.
Os restantes partidos, comenzando por CiU, IU, PNV e CC, manterían a súa representación aínda que cunha tendencia á baixa. ERC si sofre un descenso máis pronunciado e podería perder até tres deputados. Pola súa banda, o BNG repetiría os seus dous deputados, aínda que baixaría en porcentaxe de votos.
ABC publica outra enquisa, con datos máis xerais e centrados unicamente nos dous principais partidos. Nesta estimación o PSOE tería tres puntos de marxe, dúas décimas menos que a semana pasada na última sondaxe do xornal madrileño.