Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Análise

Desproporcionada reacción aos incidentes de Económicas

Os incidentes acontecidos esta semana na USC poden ser discutíbeis dende moitos puntos de vista e incluso censurábeis. No seu proceder e nas súas afirmacións públicas, o respecto á vida e á seguridade das persoas son criterios de comportamento que hai que esixirlle a calquera cidadán. Sexa un político veterano ou sexa un mozo que acaba de chegar á universidade.

Redacción - 17:30 15/02/2008
Tags:

Así e todo, moitas outras veces houbo forcexos e barafundas a pé dunha institución universitaria, froito da vehemencia e a paixón tan inevitábel como imprescindíbel da mocidade que aquí e en todo o mundo sabe que desde ese contorno sempre se ofreceron voces alternativas fronte ao poder estabelecido. Agora e hai corenta anos. Porque o espazo universitario debe ser un espazo de liberdade e esa liberdade demóstrase especialmente concedendo tamén tolerancia e respecto cara ás ideas e as posicións tradicionalmente minorizadas.

E tal e como non é a primeira vez que hai protestas estudantís nunha facultade, si é inédito que se reaccione con tal belixerancia, tratando neste caso non só de expulsar aos mozos participantes nas protestas senón mesmo teimando en levalos ao cárcere. As detencións ou a petición de expulsión de alumnos semella unha reacción desproporcionada e inxusta, dificilmente explicábel e inédita na historia recente do país.

Máis aínda, de momento, as ilegalidades das que habería probas non foron protagonizadas polos rapaces aos que se insiste en acusar. Moi ao contrario, a introdución de armas en recinto universitario que fixeron os gardacostas de San Gil, e a presenza non autorizada de policías de paisano, son irregularidades das que si deben responder as autoridades correspondentes. Por riba, o arresto dun mozo no canto de simplemente citalo como implicado, no caso de que se considerase oportuno, é outro exceso reprochábel.

Por estes motivos, os mozos desprezados en tantas tribunas mediáticas por iren atrás dun cartaz a adicarlle apupos a María San Gil, son neste caso as vítimas dunha hostilidade desproporcionada e de intereses electoralistas promovidos polos que non teñen mellor argumento que a confusión e a manipulación interesada.


4.91/5 (101 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: