Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Sobre as prórrogas para as empresas perto do mar

Entre o lobby e o capricho: o sector acuícola ameaza con pechar factorías

Os ecoloxistas describiron como "inxustificábel" a medida que lles permitiría ás piscifactorías estar até 30 anos a carón do mar. Pero os produtores queren quedar onde están.

Redacción - 09:00 15/02/2008
Velaí van parar os rodaballos das granxas / Flickr: bocadorada

Velaí van parar os rodaballos das granxas / Flickr: bocadorada

Chegaron ás reaccións ao anuncio feito esta cuarta feira pola Consellaría de Pesca que, en colaboración co Ministerio de Medio Ambiente (Dirección Xeral de Costas), creaba unha prórroga para que as empresas instaladas á beira do mar, cuxa licenza de 30 anos estea caducada ou a piques de caducar, teñan un prazo de mínimo 7 anos, ampliábeis a 14, e un máximo de 28 (en casos especiais) para retroceder 6 metros cara atrás.

Os colectivos ecoloxistas ven esta prórroga "inxustificábel e ilegal", creada polas "presións do lobby acuícola" ao goberno galego. Entre eles o secretario executivo de ADEGA, Fins Eirexas, quen dixo estar absolutamente decepcionado porque a Dirección Xeral de Costas foi "cara atrás en todos os pasos valentes dados".

Para Eirexas esta nova prórroga fai que as empresas que xa tiveron 30 anos para poñerse ao día e que agora debían retirar as súas instalacións dun espazo público "que nos pertence a todos", van quedar uns anos máis. As críticas de Eirexas centráronse, alén de no "lobby do ladrillo e acuícola", nas empresas do rodaballo, que teñen, segundo el, na conselleira de Pesca, Carme Gallego, a súa "principal e máxima valedora".

Pola outra banda, protestan os produtores de rodaballo
As principais empresas produtoras de rodaballo tamén se pronunciaron sobre o acordo da Consellaría de Pesca e o Ministerio de Medio Ambiente, cualificándoo de positivo, mais ameazando con pechar as súas piscifactorías e fábricas se Costas non prorroga as súas concesións en zona pública. Os produtores din que, para poder liberar a primeira liña de costa, primeiro precisan contar cun terreo alternativo onde situarse.

Na voz do xerente da Asociación de Rodaballos de Galicia (Aroga), Fernando Otero, os empresarios acuícolas insistiron en que esta faixa dos seis metros a carón do mar é "fundamental" para as actividades produtivas vinculadas ao mar. Otero tamén salientou que a necesidade de situarse en zonas de dominio público marítimo-terrestre "non é un capricho", xa que hai "cantidade de empresas" que "necesariamente" deben estar nestes terreos.

Otero tamén se amosou molesto polas críticas dos ecoloxistas galegos á prórroga, e salientou que "aos ecoloxistas, e especialmente aos galegos, moléstalles a acuicultura e queren terminar con ela".


4.2/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: