Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
'CARMEN IV'

Salvamento Marítimo busca un home cuxa gamela envorcou preto das Cíes

A embarcación foi atopada o luns ao mediodía. O seu tripulante é un home de 69 anos.

Redacción / EP - 10:15 12/02/2008

Efectivos de Salvamento Marítimo atópanse na procura dun home de 69 anos, T. F. C., que desapareceu o luns despois de que envorcase a embarcación en que navegaba, ao norte das Illas Cíes, na zona da Punta do Cabalo. Os labores de busca continuaron a mañá do martes cos mesmos efectivos que participaran o día anterior: o helicóptero Pesca 1, as lanchas Salvamar Mirach e Sargadelos, unha patrulleira da Garda Civil, dúas lanchas de Protección Civil de Cangas e outra máis do Parque das Illas Atlánticas.

O pesqueiro Nova Cigala deu aviso sobre as 13:40 horas do luns de que localizara unha gamela á entrada da Ría de Vigo. No bote, Carmen IV, atopouse a documentación do tripulante e os dous remos, polo que se puxo en marcha o dispositivo de salvamento para buscar a persoa que navegaba na embarcación.

Segundo informou Salvamento Marítimo a Europa Press, o tripulante, un xubilado, saíra do porto de Canido en Vigo, onde permanece aparcado o seu coche. A gamela, cun motor foraborda de cinco cabalos, foi trasladada ao porto de Cangas, onde permanece amarrada. Segundo as mesmas fontes, no interior da Ría de Vigo non facía mal tempo, aínda que non era "moi recomendábel" navegar. Polo momento, descoñécense as causas que provocaron o envorcamento da embarcación.


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: