Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Estrea na Berlinale

As mulleres bomba retratadas no celuloide

A directora israelí Natalie Asuline afonda en 'Shahida-Brides of Allah' nos motivos das mulleres palestinas para convertérense en suicidas.

Redacción - 17:33 11/02/2008

Por primeira vez abórdase no mundo do cine o papel das mulleres palestinas na loita armada. A directora israelí Natalie Asuline foi a promotora deste documental, que agora se pode ver no Festival de Cine de Berlín, no que se exploran os motivos que teñen as mulleres para recrutar e conducir ás persoas que detonaron bombas en lugares públicos, ou para converterse elas mesmas en suicidas.

O documental, gravado nas prisións israelís, combina as entrevistas con escenas da vida cotiá das presas e as visitas das familias que reciben. Tamén quedan reflectidas as clases, as conversas e o tedio que cada día asola a vida destas mulleres. As veces en clave de humor e ás veces de xeito solemne, a ollada da directora plasma as historias das protagonistas dende o punto de vista de cada unha delas, coa súa propia ironía.

Profundas conviccións

O paradoxo queda patente neste filme: dende a muller que quere facer saltar polos aires o hospital que a curou até aquela nai que abraza ao seu fillo mentres asegura que estaría disposta a destruír unha gardería israelí. Son moitas as mulleres que lamentan ser descubertas, xa que isto supuxo que non lograron o seu propósito.

A autora afirma que a loita máis dura que tivo que afrontar durante a rodaxe foi a de obter testemuñas sinceras por parte das presas, xa que na maioría dos casos, por medo a represalias, non contaban toda a verdade e só cando a cámara estaba apagada as “mozas de Alá” se expresaban con total liberdade.


5/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: