Vieiros

Vieiros de meu Perfil


RSS de
Xerais08

"Con Mariano Rajoy as mulleres van a estar mellor"

Foi a opinión de María Xesús Sáinz, candidata do PP ao Senado pola provincia da Coruña, durante a súa intervención este domingo nos micrófonos da RNE.

Redacción - 09:00 11/02/2008

Sáinz dixo estar segura de que o PP ofrece o mellor programa en materia de igualdade, e subliñou que o candidato á presidencia do goberno español do seu partido, Mariano Rajoy, inspira "seguridade e tranquilidade". A candidata admitiu que en materia de igualdade "avanzouse e fixéronse cousas" nos últimos anos, pero criticou que "non se puxeron os recursos necesarios" para, por exemplo, desenvolver a lexislación vixente en relación á violencia de xénero. Tamén botou en falta que nos últimos catro anos "non se sacase" un plan de loita contra o tráfico de mulleres e nenos.

En relación aos inmigrantes e, en concreto, a proposta do PP sobre facerlles asinar un contrato, a candidata a senadora apuntou que do que se trata é de que "todos teñamos as mesmas regras de xogo" porque é o "mellor xeito de integrar a todos". Respecto á decisión do seu partido de relevala como candidata polo Congreso e propoñela polo Senado, María Xesús Sáinz recordou que opta á cámara de representación territorial, onde precisamente empezou a súa andaina política en Madrid, e que espera "contar coa confianza dos coruñeses".

García Díez desafía a Blanco a debater
O cabeza de lista do PP por Lugo, Joaquín García Díez, instou o seu rival polas filas socialistas, o secretario de Organización do PSOE e candidato por Lugo, José Blanco, a que debata con el sobre o que denominou "incumprimentos" do actual goberno español en Lugo. Nunha entrevista na Radio Galega, recollida por Europa Press, García Díez recordou que nas últimas municipais, ás que tamén concorreu como candidato do PP, el mantivo numerosos debates e, ante as xerais, asegurou que "lle encantaría" ter a oportunidade de debater con Blanco.

Por outra banda, García Díez opinou que o presidente da Xunta e secretario xeral do PSdeG, Emilio Pérez Touriño, "se precipitou" nas súas manifestacións sobre o novo bispo de Lugo, Afonso Carrasco Rouco. Por iso, recriminoulle que non concedese ao novo prelado "os cen días de graza" que os políticos tamén piden cando asumen responsabilidades de goberno. En relación coa polémica suscitada en torno aos bispos, o candidato popular sinalou que "a Igrexa é libre de opinar", pero recoñeceu que "cada un ten o seu campo" e defendeu que "cantas menos interferencias dun lado e doutro, mellor".

García Díez, quen é voceiro municipal do PP en Lugo, tamén criticou os novos plans da Xunta para situar no Cuartel de San Fernando un museo da romanización en lugar do novo auditorio da cidade. O dirixente popular cualificou de "chantaxe" da Consellería de Cultura o novo proxecto e denunciou a "pouca valentía política" do alcalde. Na súa opinión, no bipartito existen "tensións" e cada formación quedou "unha parte do pastel", o PSdeG unha parcela na que haberá un auditorio e vivendas promoción autonómica e o BNG, o Cuartel de San Fernando para "facer un museo máis".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: