Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
'DECLARACIÓN DE PARÍS'

Acabar coa "lacra do monoligüísmo" no Estado

Os responsábeis de Política Lingüística de Cataluña, Euskadi e Galiza acordaron traballar por unha España multilingüe e pola igualdade de dereitos na UE.

Redacción - 14:21 08/02/2008

Galiza, Euskadi e Cataluña ratificaron este venres en París a súa aposta pola construción dun Estado Español plurilingüe no que galego, eúscaro e catalán, linguas propias de máis do corenta por cento dos habitantes do Estado, sexan respectados e conten cos mesmos dereitos que o castelán. A Declaración de París, asinada no marco do salón Expolangues, únese a outros protocolos de colaboración en materia lingüística asinados polos tres países nos últimos meses. Este acto chega nun momento no que volve poñerse sobre a mesa o debate sobre a posibilidade de aprender e usar galego, eúscaro e catalán en todo o territorio do Estado.

Na declaración, ademais de reafirmar que "o Estado español é un estado plurilingüe", reclámase que "os cidadáns vascos, cataláns e galegos, como cidadáns europeos, han de poder recoñecerse nas súas linguas propias, en réxime de igualdade de oportunidades co castelán". Finalmente, a declaración céntrase nos medios de comunicación e en Internet e afirma que "a información distribuída polos medios de comunicación de titularidade pública debe reflectir fielmente a realidade plurilingüe do Estado español e do conxunto de Europa" e que "os usos persoais e profesionais das tecnoloxías de información e comunicación han de adecuarse de xeito eficaz ás múltiples opcións lingüísticas".

Marisol López Marisol López, secretaria xeral de Política Lingüística da Xunta, afirmou que "o respecto pola pluralidade lingüística constitúe o fundamento da idea europea" e explicou que coa sinatura desta declaración, "pretendemos incidir na idea do fomento da diversidade lingüística e cultural como maneira coherente de construír este proxecto común que é Europa".

A uniformización lingüística, un "atentado"

As declaracións máis fimes chegaron dende os representantes vasco e catalán. O viceconselleiro de Política Lingüística de Euskadi, Patxi Baztarrika, destacou que Europa "é sinónimo de diversidade lingüística", e que calquera pretensión "uniformizadora", calquera intento "de negación" da pluralidade lingüística, e "calquera pretensión" de imposición do monolingüismo constitúe "un atentado contra o corazón da mesma Europa". A xuízo de Baztarrika, traballar a favor do plurilingüismo e polo tanto a favor do recoñecemento da maioría de idade do éuscaro, do catalán, do galego e do conxunto das linguas, "é condición necesaria para construír unha Europa aberta, moderna e democrática".

De igual xeito, Bernat Joan, secretario de Política Lingüística da Generalitat, afirmou que "é necesario que traballemos xuntos para evitar a lacra do monolingüismo tanto persoal, como social, como estatal". A Europa do futuro, engadiu, "non se pode concibir a si mesma desde o monolingüismo propio dos estados formados no século XVIII. Dominar varias linguas non só xera unha mentalidade máis aberta, senón que nos abre un abano de oportunidades extraordinario". Así mesmo, Bernat Joan resaltou a importancia de "facer extensiva" a coordinación con vascos e galegos a partes integrantes "dos nosos respectivos territorios lingüísticos, como as Illes Balears".


Documentos

5/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Un momento do acto de sinatura
Un momento do acto de sinatura