O programa pretende facilitarlles aos estranxeiros o acceso aos servizos públicos, promover a súa integración laboral e mellorar a convivencia cidadá.
O Goberno aprobou destinar máis de 30 millóns de euros ao Plan galego de convivencia, cidadanía e integración 2008-2011. Promovido pola Secretaría Xeral de Emigración, procura conseguir a integración dos inmigrantes na sociedade. Para a elaboración do proxecto contouse coa participación do Consello Galego da Imigración, onde están representadas as administracións galega, estatal e local, sindicatos, asociacións, ONG e universidades.
O plan, que terá no primeiro ano unha dotación de 7.250.000 euros, baséase no acceso normalizado dos inmigrantes aos servizos públicos, a promoción da integración laboral e o impulso da convivencia cidadá en termos de diversidade. Divídese en 308 accións, das que o traballo e a educación supoñen un terzo. Ademais, as administracións locais terán un papel fundamental, por seren as máis próximas á cidadanía.
A Secretaría Xeral de Emigración destinará un millón de euros ás sete cidades galegas e ao Consorcio das Mariñas para que calquera inmigrante poida acceder aos servizos de atención inmediata a menos de 50 quilómetros do seu lugar de residencia. O plan aprobado esta quinta feira polo Consello da Xunta pretende, así mesmo, incorporar a perspectiva de xénero en todas as actuacións en materia de inmigración, loitar contra o racismo e contra a xenofobia e evitar a discriminación. Segundo o padrón de xaneiro de 2007, viven en Galiza 81.446 estranxeiros, dos que 41.810 son mulleres. A provincia con máis empadroados é Pontevedra, con 31.805, seguida da Coruña, con 28.137.