Consideran desde a UXT que se ben Galiza "sálvase" do incremento do paro con respecto a hai un ano, hai agora mesmo "case 40 mil paradas máis que homes".
Cualifican desde UXT-Galicia como "positivo" o balance do paro en Galiza, malia chamar a "manterse alerta". Sinalan que malia o incremento con respecto a decembro nun 3,99%, o incremento do desemprego segue en Galiza por baixo do conxunto do Estado, que rexistrou unha suba do 6,22% no mesmo período.
Así e todo, fíxanse especialmente na análise por sexos, que indica que son as mulleres as que rexistran as cifras de paro máis elevadas, 99.872 paradas, fronte a 61.290 desempregados, é dicir, "unha diferenza de 38.582". "Estas cifras evidencian, unha vez máis, que as mulleres seguen a ser o elo débil do mercado laboral galego, tanto pola súa dificultade para acceder a un posto de traballo como para manterse no mesmo", láianse. Por este motivo, desde a comisión executiva da UXT-Galicia consideran "urxente" poñer en marcha novas medidas que "solucionen esta situación e rematen con esas diferencias abismais".