Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
OPINIÓN

Previr a seguinte crise

O catedrático de Política Económica da Universidade de Barcelona, Antón Costas, analiza as consecuencias e orixe da crise económica.

Antón Costas Comesaña - 08:00 01/02/2008

Por Antón Costas

Nunha reunión á que asistín a semana pasada para analizar a crise financeira que estamos a vivir e mais o seu impacto no crecemento, un banqueiro amigo meu suxeriu unha solución.

A solución é que as autoridades saian ao rescate dos bancos con problemas, os nacionalicen e garantan os depósitos de todos os clientes. Apoiou a súa proposta no que semella que vai facer o goberno británico co banco Northern Rock, afectado polos investimentos en derivados de hipotecas lixo.

A iso chamóuselle, na crise dos oitenta, socializar as perdas.

É curioso ver como os defensores da libre empresa, xeralmente críticos co papá Estado, son os primeiros en recorrer a el para que lles quite a cobra da silveira. E fano inocentemente, sen pensar que exista contradición ningunha entre ser partidarios de socializar as perdas e, asemade, de privatizar as ganancias.

Agora ben, se un sindicalista ou un empresario suxerisen facer o mesmo noutras industrias, serían acusados inmediatamente de intervencionistas.

Lembren as enormes retribucións fixas pagadas aos altos executivos e directivos da banca, así como os fondos de pensións, as opcións sobre accións e mais os bonus baseados nos resultados a curto prazo da empresa. Teñan en conta tamén o feito de que cando o banco vai mal, ninguén lles reclama esas retribucións e, pola contra, cobran inxentes cantidades de diñeiro por marchar (contratos blindados).

Pero teño para min que, como leva acontecido en crises anteriores, as nosas autoridades rematarán por saír ao rescate dos bancos que poidan entrar en situación de risco pola irresponsábel xestión dos seus executivos.

E, no entanto, non tería que ser así, porque se está alimentado a seguinte crise.

Por que somos tan proclives a axudar os banqueiros? Por unha razón sinxela: a diferenza do que acontece con outras industrias, ao entraren os bancos en risco, a desconfianza xeneralízase, a xente retira os seus depósitos, o crédito desaparece e o conxunto da economía fréase, entra en recesión.

Preservar a saúde do sistema interésanos a todos. E iso sábeno ben os banqueiros, e abusan desa situación.

Referíndose a esta combinación de fraxilidade do sistema financeiro e de enormes retribucións, o coñecido e influente analista Martin Wolf expresaba o mércores pasado en The Financial Times (“Why regulators should intervene in bankers ‘pay’”) o seu medo a que esta combinación poida destruír algo aínda máis importante para a economía mundial có crecemento económico: a lexitimidade social da economía de mercado.

Evitar ese risco esixe comprender as orixes desta crise financeira. Para Wolf, nesas orixes atópase o sistema de pagos aos altos executivos e directivos das institucións financeiras. Un sistema de retribución que os levou a maximizar as súas ganancias, mesmo a risco de provocar unha crise financeira global, como estamos a ver.

O mecanismo foi o seguinte. Aproveitando a existencia de fartura de aforro no mundo e que grandes investidores globais non atopaban xa nos países emerxentes (México, Arxentina, Brasil, Tailandia, Indonesia) as altas rendibilidades que buscan, moitas institucións financeiras dos países desenvolvidos -especialmente de Norteamérica- comezaron a conceder préstamos hipotecarios a cidadáns dos seus países, sen ter en conta se eran ou non solventes. A continuación empaquetaban esas hipotecas, esnaquizábanas (titulizábanas) e vendían eses títulos a investidores e bancos doutros países, cobizosos tamén de obter altas rendibilidades. Cos ingresos obtidos pola venda deses derivados de hipotecas volvían dar máis hipotecas. E así foi, até que os insolventes principiaron a deixar de pagar.

Malia crearen grandes riscos a longo prazo para as súas institucións e para o sistema financeiro global, as elevadas rendibilidades inmediatas desa práctica permitiron aos xestores deses bancos obter altísimas ganancias persoais.

Pero o pecado non está só no pecador, senón nos encargados de vixiar e supervisar esas prácticas (supervisores, reguladores, autoridades, axencias de rating que certifican a calidade dos créditos e mais auditores).

Que facer agora? Algúns liberais preferirían deixar o sistema financeiro aos rigores do libre mercado: que quen a fai, a pague. Os radicais de esquerda preferirían a nacionalización completa do sistema financeiro: se cómpre socializarmos as perdas, socialicemos tamén as ganancias. Pero a historia mostra que non podemos vivir coas consecuencias que derivan de ambas as dúas solucións.

Wolf propón unha suxestiva alternativa: cambiar o sistema de retribución dos altos executivos da banca. O mecanismo actual consiste en elevadas retribucións fixas e mais enormes bonus baseados nos resultados a curto prazo. Isto fai que os directivos teñan incentivos para disfrazar a toma de riscos como “creación de valor”. Wolf propón trocar este sistema de incentivos anuais por un sistema baseado nos resultados a 10 anos.

O problema é que os bancos non poden levar a cabo este cambio sen arriscarse a perder os seus mellores executivos. Aquí é onde entran en xogo os reguladores. A idea dunha intervención oficial deste tipo parécelle horrible a Wolf, mais non facela é aínda peor: comportaría a repetición de crises financeiras coma a actual.

Eu comprendo que ao meu amigo banqueiro non lle guste. Pero hai unha cousa clara: do mesmo xeito que a guerra é importante de máis para deixárllela aos xenerais, os bancos son importantes de máis para deixárllelos só aos banqueiros, por moito que algúns deles sexan persoas prudentes e honestas.

A cuestión importante é prever a seguinte crise.

[Texto publicado na edición de Cataluña de El País (22/01/2008) e vertido ao galego coa autorización do autor.]

Tradución: Esteve Valls


3,8/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: