Vieiros

Vieiros de meu Perfil


RSS de
PRESIDENCIA DO PP DA CORUÑA

Romay ultima a carta de liquidación de Juncal para despois das eleccións xerais

Rexedores de varias bisbarras volvéronlle transmitir que están "fartos" do ferrolán. Gacio e Fernández de Mesa son algúns dos nomes que se barallan.

R.Vilar - 17:06 29/01/2008
Tags: A Coruña PP
Romay Beccaría

Romay Beccaría

Que o actual presidente do PP coruñés, Xoán Juncal, ten a cadeira completamente desconxuntada é algo que non se lle escapa a ninguén. Logo de tres anos á fronte dos conservadores coruñeses, o seu noutrora padriño, Xosé Manuel Romay Beccaría, sabe que o ex alcalde de Ferrol leva meses agardando a carta de liquidación. Nas últimas semanas, rexedores de diferentes bisbarras da provincia aproveitaron as xuntanzas con Romay para reiterarlle a necesidade de substituír con urxencia a Juncal.

Alcaldes populares consultados por Vieiros, cren que o recambio terá lugar na vindeira primavera, xusto despois das eleccións xerais do 9 de marzo. O feito de que Juncal encabece a candidatura ao Senado é visto como unha “saída digna” para un político que veu hai poucos meses como se lle esfumaba a alcaldía de Ferrol logo do seu primeiro mandato.

No PP coruñés saben tamén que o substituto de Juncal ten que contar coa bendición do aínda todopoderoso Romay Beccaria. O ex conselleiro e ministro segue a manter un férreo control na provincia baseado en constantes encontros con rexedores e cargos do partido a nivel local. Mais, quen será o elixido? Un dos nomes que se barallan nos círculos populares é o de Adolfo Gacio, alcalde de Boqueixón e deputado provincial. Gacio contaría co apoio do propio Romay e de numerosos alcaldes. O problema é que o propio rexedor de Boqueixón ten reparos á hora de aceptar un posto que sabe complicado.

Nas quinielas conservadoras tamén aparece o ex delegado do goberno español, Arsenio Fernández de Mesa, que figura de número tres como candidato do PP pola Coruña. Menos probábel parece a designación do alcalde de Ribeira, e ex presidente da Deputación, Xosé Luís Torres Colomer que xa intentou no seu momento presidir a formación a nivel provincial.

O home encargado de 'esfolar as boinas' na Coruña
Pase o que pase o 9 de marzo, a dirección dos conservadores coruñeses seguirá a estar na man dun dos máximos expoñentes do antes chamado “sector do birrete”, Romay Beccaría. O avogado betanceiro controla dende hai máis de dúas décadas o aparato conservador coruñés, do que é “presidente honorífico”. O único período no que viu minguado o seu poder coincidiu co máximo apoxeo de Xosé Cuíña. Inimigo político acérrimo, o político dezao situou na presidencia do PP coruñés en 1999 a un home próximo ás súas teses, Xesús Almuíña. Algún cargo conservador aínda recorda cando Almuíña lle quitou o despacho na sede coruñesa ao daquela ministro de Sanidade, que aproveitaba as fins de semana para despachar con alcaldes da súa corda.

Romay aproveitou o seu fío directo con Madrid para contrarrestar o poder da “boina” no seu feudo. Na primavera de 2002 conseguiu que Almuíña tivese que darlle entrada a Juncal na dirección provincial. Logo da caída de Cuíña do Goberno, en xaneiro de 2003, o camiño comezou a achanzarse para Juncal, que conseguiría a presidencia en decembro de 2004.


5/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: