Estados Unidos condena a 60 anos de cárcere o dirixente do grupo armado polo secuestro de tres axentes do Pentágono.
O ex banqueiro graduouse na universidade de Harvard (EUA)
Simón Trinidad, un ex banqueiro graduado en Harvard que hai 20 anos deixou o mundo das finanzas para tomar as armas ao lado das FARC foi condenado este luns por un xuíz de Estados Unidos a 60 anos de cárcere por secuestro.
O 13 de febreiro de 2003, os estadounidenses Marc Gonsalves, Thomas Howes e Keith Stansell, axentes civís contratados polo Pentágono, realizaban unha misión aérea de recoñecemento sobre a selva colombiana cando o seu avión foi derrubado polas FARC en Caquetá. Os tres foron capturados pola guerrilla, con quen aínda seguen.
Simón Trinidad (o seu nome real é Ricardo Palmera) lideraba o grupo. Tras ser feito preso polo exército colombiano, o goberno extraditouno a EUA en virtude dun tratado que impide que sexa condenado a cadea perpetua.
"Isto foi e é un acto de terrorismo, foi un acto bárbaro que atenta contra as leis de todas as nacións civilizadas", afirmou no seu fallo o xuíz Royce Lamberth, segundo informa o diario de Bogotá El Tiempo. "As familias destas persoas están a ser torturadas; o seu sufrimento non acabará con esta sentenza, mais a súa severidade quizais disuada a outros de cometer este crime".
As FARC insisten en que tanto Trinidad como Sonia -outra guerrilleira presa en Texas acusada de narcotráfico e condenada a 16 anos- deben formar parte dun eventual intercambio humanitario con rebeldes encarcerados polo goberno colombiano. A defensa do guerrilleiro, un home de 57 anos, alega que unha condena maior de seis anos e medio, dos cal leva cumpridos tres en EUA, equivale a morrer no cárcere, isto é, o mesmo ca unha cadea perpetua.
"Perdín a liberdade física, mais non os meus ideais"
"Cando me sumei ás FARC fíxeno consciente de que podería perder a miña vida pola liberdade e pola loita a prol da xustiza social; hoxe perdín a miña liberdade física, mais os meus ideais mantéñense intactos", afirmou Simón Trinidad na audiencia deste luns. Ademais, expresou o seu "sincero desexo" de que os estadounidenses secuestrados volvan ás súas casas sans e salvos.
Ao termo da súa intervención, Trinidad berrou: "Viva Manuel Marulanda (máximo xefe das FARC)! Vivan as FARC! Viva Simón Bolívar, porque vive e a súa espada libertaria percorre América!".