Vieiros

Vieiros de meu Perfil


RSS de
PRECAMPAÑA

Arranca unha fin de semana de marcado carácter preelectoral

O BNG desenvolve unha convención electoral, o PPdeG un mitin, o PSOE presenta o seu programa en Madrid e o Partido Galeguista organiza o seu IX congreso.

Redacción - 11:30 26/01/2008
As eleccións terán lugar o 9 de marzo / Flickr: ·júbilo·haku·

As eleccións terán lugar o 9 de marzo / Flickr: ·júbilo·haku·

Os partidos políticos poñen en marcha a súa maquinaria de cara ás eleccións españolas do 9 de marzo. Na capital de Galiza teñen lugar dúas importantes citas: a convención electoral do BNG e un mitin do Partido Popular. Mentres, o Partido Galeguista desenvolve en Monforte de Lemos o seu noveno congreso, e os socialistas desprázanse a Madrid para aprobar o seu programa electoral.

O Bloque Nacionalista Galego conta con que uns 2.000 militantes e simpatizantes se acheguen a partir das seis da tarde do sábado ao Pazo de Congresos de Compostela para poñer en marcha a súa precampaña. Intervirán o portavoz nacional, Anxo Quintana, e os cabezas de lista ao Congreso polas catro circunscricións electorais: Francisco Jorquera, pola Coruña; Paz Abraira, por Lugo; Iago Tabarés, por Ourense, e Olaia Fernández Davila, por Pontevedra. A formación centrará a súa mensaxe en incrementar o peso político de Galiza en Madrid e situar o noso país á altura de Euskadi e de Cataluña.

Tamén en Santiago, no Multiusos do Sar, o PPdeG desenvolve un mitin en que aspira a xuntar 10.000 persoas como "mostra de poder" do "partido maioritario" de Galiza. O acto preelectoral contará coa intervención estelar do presidente estatal do partido, Mariano Rajoy. Será unha "festa de inicio de campaña", que abrirá o secretario xeral do PPdeG, Alfonso Rueda, ás 12 do mediodía. Intervirán, ademais, os catro cabezas de lista: Antonio Erias (A Coruña), Xaquín García Díez (Lugo), Celso Delgado (Ourense) e Ana Pastor (Pontevedra). Pecharán o acto o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo e Mariano Rajoy.

En Monforte ten lugar o IX Congreso do Partido Galeguista, que pretende actualizar a súa mensaxe, adaptar a praxe política e renovar a composición dos órganos de dirección do partido. Os membros da formación contan con saír do congreso cun "proxecto político ao servizo de Galiza", onde "a soberanía de decidir reside nos militantes de base".

Entre tanto, en Madrid, o secretario xeral do PSdeG, Emilio Pérez Touriño, encabeza a delegación galega, formada por 38 representantes, para participar na conferencia política en que o PSOE prevé aprobar o seu programa electoral. No acto interveñen, entre outros, o secretario de organización e candidato por Lugo ao Congreso Xosé Blanco, e a parlamentaria Laura Seara, asinante dunha emenda ao borrador do programa socialista para que calquera modificación na regulación do aborto "garanta o dereito das mulleres a decidiren libremente".


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: