Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
OPINIÓN

Rede.cat, un novo modelo con futuro

O que fai moi interesante ver como evoluciona Rede.cat é o que supón como modernidade e como proposta.

José Luis Vergara - 11:00 26/01/2008

Gustaríame que isto se entendese dito no contexto onde aparece: Barcelona, colonia galega, inicios do século 21. Tres parámetros: territorio, indicativo social e data.

É moderno especialmente porque hai dificultades manifestas para que dentro da emigración galega, consolidada e integrada na sociedade catalá, aparezan propostas, tan nítidas e seguramente prácticas, como as que dan vida a este proxecto. Parte de algo tan sinxelo como a solidariedade, o apego ao propio, o respecto ao alleo (facéndoo propio) e o comportamento democrático.

Unha confluencia de factores, coido, axudaron indubidablemente ao nacemento. A primeira, a caixa de recrutamento que supuxo a mobilización ante a catástrofe do Prestige. A constatación do comportamento dos gobernantes de Galicia apoiados polos do goberno de España, que actuaron con igual altivez que ignorancia e autoritarismo, e a decepción pola manifesta incomprensión entre boa parte dos gobernantes de Catalunya da época, foron leccións que se aprenderon naquel momento e que fixeron reflexionar.

Outra lección fundamental foi descubrir como, entre a incrible mostra de solidariedade que a sociedade en xeral brindou aos galegos, en Catalunya percibiamos un claro descoñecemento mutuo, do galego en Catalunya e, aínda que creo que en menor medida e de xeito diferente, do catalán en Galicia.

Todo iso foi deixando pousos e certezas: a constatación dunha certa capacidade de organización e mobilización por parte dos galegos -foron os máis novos e moitos deles residentes recentes en Catalunya os que iniciaron o movemento que foi visto por outros moitos, de maior idade, como unha ocasión de gran interese e a sensación da chegada de aire fresco-, a existencia e o mutuo descubrimento de persoas e grupos desexosos de facer cousas e renovarse e, finalmente, a gran solidariedade e interese que en xeral se espertaba e que en Catalunya sentiamos na pel. A mobilización provocaba unha reacción de desconfianza que entre os estamentos políticos conservadores (non sabían como manexarse) e tamén a inanidade de boa parte dos líderes da propia colonia e as actitudes reaccionarias e politicamente servís dalgúns deles.

E iso fixo pensar. Unha vez unha amiga, que foi das primeiras en mobilizarse, díxome algo tan simple como "mira, os mozos pensamos que se eramos bos para organizar unha festa, un magosto, poderiamos tamén organizarnos e protestar, denunciar e axudar… e aquí estamos". Simple no enunciado, pero complexo no significado

Pois iso, uns cantos pensaron que se eran capaces de actuar e explicarse, porque non seguir facéndoo? E atoparon a outros que levaban anos de traballo e actividade social e cultural e puxéronse a pensar como seguir adiante, pero xuntos. Ademais, pasando os días, pensaron que xuntos tiñan mais forza, que xuntos axudábanse mellor, que xuntos escoitábaselles máis e que xuntos podían ser máis eficaces. Pois isto é modernidade, pensar así e traballar democraticamente, debatendo, discutindo e acordando. É dicir, innovando sobre o existente.

Alguén dirá que iso non é modernidade, que é outra cousa, tamén terá razón, pero para min segue sendo modernidade. Éo ser capaces de propoñer un novo modelo de relación co entorno, coa sociedade de acollida, da que somos unha parte máis, iguais a outros, nin mais nin menos importante. E sentirse naturalmente cataláns sendo á vez galegos, sen contradición, é outro signo de modernidade. Igual que os cataláns que viven en Galicia pensamos deben sentirse galegos sen renunciar a ser cataláns.

Non máis. Hai xa uns días, un home de algo máis de 80 anos, culto e sensible, emocionouse nun acto no que uns compañeiros presentaban, con desenvoltura, tenrura e certa retranca, a axenda de Rede.cat para 2008. Escribiu unhas breves palabras que a moitos nos impactaron; manifestaba o seu contento e eloxiaba a aparición de xente con ideas novas, a presenza activa de mozos e o que isto podía aportar a Galicia. El, aos seus 80 anos, é un moderno, claro.

Hoxe suman 18 entidades as que forman parte de Rede.cat. Tamén se sabe que hai sitio para moitas máis: quedan amigos con ganas de modernizarse? Polo que sei, ninguén poñerá portas ou limitará innecesariamente o dereito de admisión.

Ánimo!, é unha boa ocasión para participar, colaborar e medrar xuntos: para cando seremos 50?


Ligazóns

3,7/5 (10 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: