O colectivo en defensa da ría de Pontevedra cre que "non hai vontade política" para acelerar o traslado do complexo industrial.
"Incúmprese o acordo programático asinado", sosteñen desde a Asociación para a Defensa da Ría de Pontevedra, avaliando que a Consellaría de Medio Ambiente "estase sometendo aos intereses empresariais". Recordan desde o colectivo o amplo apoio social a prol da desaparición de ENCE da súa localización actual na ría e denuncian que se estea "dilatando no tempo" o proceso de traslado.
O colectivo insístelle á Xunta en que tome xa unha decisión ao respecto. Recordan que ENCE non cumpre as condicións legais para continuar en Lourizán "nin dende o punto de vista ambiental nin urbanístico". Subliñan a Lei de Prevención e Control Integrado da Contaminación, que regulamenta o proceso de solicitude da Autorización Ambiental Integrada e din estar seguros de que se o Goberno o quixera podería acelerar o traslado da factoría.