Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
i+d+i

Tecnoloxía de Star Trek na vida real

Un blog amosa dez exemplos de trebellos que eran ciencia ficción nos anos 60 e poderán estar á venda axiña.

Redacción - 11:30 19/01/2008
O comunicador real, á esquerda, e os de ficción, á dereita

O comunicador real, á esquerda, e os de ficción, á dereita

Os avances tecnolóxicos dos últimos tempos están a facer que algúns dos trebellos que aparecían na serie dos anos 60, e as súas posteriores secuelas, Star Trek, estean cada vez máis preto da realidade. O blog Layer 8 fai unha recompilación dos dez inventos que parecen inspirados, se non o son, na serie de ciencia-ficción.

O 'trigravador', ferramenta que servía para analizar calquera obxecto sen tocalo directamente, ten un reflexo nun dispositivo inventado pola Universidade de Washington, aínda que só aplicado ao campo da Medicina. O aparello emprega raios de ultrasón de alta intensidade para escanear o corpo e facer diagnoses sobre enfermidades ou danos. Asemade, investigadores da Universidade Purdue din que crearon un sensor manual que se podería usar para atopar contaminacións bacterianas nos alimentos.

O Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts tamén traballa no desenvolvemento dun 'raio tractor', un raio de luz que se pode mover arredor de obxectos, de momento de moi pequeno tamaño, para medilos e desprazalos, de xeito que se poidan manipular partes dun chip. Outra innovación, máis destinada a auténticos 'trekkies' é a liña de cadaleitos e urnas funerarias creadas pola empresa Eternal Image, fieis reproducións dos que aparecen nos filmes.

De máis utilidade, defensiva neste caso, son os escudos invisíbeis que están a probar os enxeñeiros do laboratorio de investigación da Forza Aérea dos EUA. En realidade, trátase dunha capa de derivado de aluminio que, unha vez pulida, se pode usar como blindaxe transparente para vehículos.

Outro dos aparellos que aparecían na serie, o clásico comunicador ou as insignias das versións máis modernas de Star Trek, pode ter correpondencia real nun sistema de Vocera Communications: dispositivos sen mans, activados pola voz, que se poden levar arredor do pescozo para falar con compañeiros de traballo dentro da cobertura dunha rede sen fíos.

No eido das armas, o 'fásico' da serie chega ao mundo real da man de Ionatron, que creou armas de enerxía directa, que en principio envían raios que deixan inactivas persoas ou vehículos que "ameacen a seguridade". A empresa asegura que se pode empregar en versión letal ou non letal.

E os dispositivos de camuflaxe non están só ao alcance de especies alieníxenas rivais. Purdue, empregando nanotecnoloxía, conseguiu crear un aparello que fai os obxectos invisíbeis: unha rede de minúsculas agullas que se sitúa arredor do que queremos ocultar. Non é o único desenvolvemento na busca deste obxectivo.

Máis lonxe está a hiperpropulsión. Porén, o instituto de Astronáutica e Aeronáutica premiou un desenvolvemento que permitirá, en teoría, chegar a Marte en tres horas. Máis factíbel é o 'hipospray', tamén inventado polo MIT: un aparello que permite inxectar medicamentos sen usar agullas. Por último, a telepresenza, que consiste en falar cunha persoa situada noutro lugar a través da pantalla, pode chegar ao mercado grazas a Cisco.


Ligazóns

4/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: