Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Terán que pagar 192 millóns de euros

Atopan culpábel á petroleira francesa Total do afundimento do 'Erika'

A sentenza recoñece, por primeira vez en Francia, "un atentado contra o medio". Ecoloxistas e municipios afectados terán dereito a unha indemnización.

Redacción - 19:16 16/01/2008
O momento xusto do afundimento do 'Erika'

O momento xusto do afundimento do 'Erika'

O Tribunal Correccional de París resolveu esta cuarta feira, culpar ao grupo francés Total do naufraxio do petroleiro 'Erika', que afundiu o 12 de decembro de 1999 fronte ás costas francesas (no Golfo de Gascoña), vertendo o crú que transportaba e provocando unha catástrofe ecolóxica sen precedentes. O derrame de 20 mil toneladas de fuel contaminou 400 quilómetros de costa e matou máis de 15 mil aves.

Case nove anos despois, a empresa francesa Total, xunto co armador e xestor do petroleiro e a sociedade italiana de certificación Rina (que emitiu o certificado de navegabilidade do buque), foron condenados a pagar 192 millóns de dólares. O capitán do 'Erika', o indio Karun Mathur, foi exculpado de calquera responsabilidade no naufraxio.

192 millóns euros en indemnizacións
O total das indemnizacións aínda está lonxe dos mil millóns de euros que reclamaron as 101 partes civís presentadas como demandantes (moitas delas finalmente foron rexeitadas). O principal beneficiario das indemnizacións vai ser o Estado francés, ao que lle van corresponder case 154 millóns de euros. 38 millóns van para as rexións máis afectadas pola marea negra (Bretaña, Pays de la Loire, Poitou-Charente, Finisterra, Loire Atlantique e Vendée). Entre as organizacións que van recibir algún diñeiro como indemnización está a Liga para a Protección das Aves (LPO) (que vai recibir 800 mil euros), e a WWF e Greenpeace (33 mil euros para cada unha).

Segundo a sentenza, a petroleira é a principal culpábel, posto que non tivo en conta a idade do buque (de case 25 anos) e esta imprudencia tivo un "papel causante" no afundimento do 'Erika'.

O avogado de Total, Daniel Soulez-Larivière, vaille aconsellar á compañía petrolífera que apelen a sentenza, porque considera que "non foi xusta".


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: