Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Apoio ás linguas indíxenas

México entre os 10 países con maior diversidade lingüística mundial

O Goberno do país publicou o primeiro catálogo de Linguas Indíxenas Nacionais que contén máis de 300 variantes.

Redacción - 10:25 19/01/2008
Flikr: Polycarpio

Flikr: Polycarpio

Un total de 364 tipos lingüísticos, procedentes de 68 agrupacións, de 11 familias compoñen o extenso e rico panorama lingüístico do país. Ante esta situación, o goberno mexicano publicou un Catálogo de Linguas Indíxenas Nacionais, co que se conseguirá un recoñecemento oficial da cultura e da poboación indíxena do país e que se sitúa arredor dos 12,7 millóns de persoas, o 13 por cento da poboación nacional.

O documento foi publicado no Diario Oficial da Federación, e busca tamén facer máis eficiente a atención gobernamental dirixida á poboación indíxena. Segundo o Instituto Nacional de Linguas Indíxenas (INALI), o catálogo será un instrumento valioso que facilitará o cumprimento da Lei Xeral Indíxena, no que respecta á educación, saúde, xustiza e servizos da administración pública.

Esta iniciativa xurde tamén como reacción á situación de perigo na que se atopan algunhas variantes lingüísticas. Canda menos 30 delas están a piques de desaparecer, entre as que se atopa o náhuatl, unha das linguas máis faladas en México despois do español. O Instituto Nacional de Estatística, Xeografía e Informática (INEGI) estima que o 6,7 por cento da poboación nacional fala nunha lingua indíxena, o que supón máis de sete millóns de habitantes.

Tradutores especializados
O catálogo senta as bases e ferramentas para o recoñecemento das linguas indíxenas, que conta con programas de capacitación a tradutores especializados nestas linguas e nas súas variantes. Búscase que os pobos conten cos materiais apropiados para a ensinanza e que poidan utilizar os servizos en cada unha das comunidades.

Con esta iniciativa dáse un pequeno paso para erradicar a marxinación que na actualidade sofren os pobos indíxenas debido á globalización.


5/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: