Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ALBERTO ESTÉVEZ, voceiro de Amnistía Internacional en Galicia

O sexto aniversario de Guantánamo

Veñen de cumprirse seis anos do primeiro traslado de presos ao centro de detención de EE.UU. na base de Guantánamo. O símbolo dos centros de detención secreta de EE.UU. espallados por Afganistán, Iraq e países aliados ou bases militares de todo ou mundo exemplifica o fracaso da "Guerra contra o Terror" do goberno de Bush, que sacrificou os dereitos humanos en nome da "seguridade".

Redacción - 11:29 12/01/2008
Tags:

Alí seguen detidas sen xuízo unhas 290 persoas das preto de 800 que pasaron por alí. Unha delas é Saifullah Paracha, cidadán paquistaní, recluído en Guantánamo desde setembro de 2004. Sofre dores no peito, desmaios e dificultades respiratorias como consecuencia dunha afección cardíaca. Foi capturado no aeroporto de Bangkok, Tailandia, en xullo de 2003, cando ía a unha reunión de negocios. Foi esposado e botáronno na parte traseira dun vehículo e levárono a un lugar descoñecido. Máis tarde as autoridades estadounidenses trasladárono a Bagram, en Afganistán, onde permaneceu máis dun ano antes de ser trasladado a Guantánamo. Afirman que é membro de Al Qaeda e o nega a acusación. Malia os seus problemas cardíacos, está recluído en réxime de illamento en duras condicións no Campo 5.

Nestes seis anos, só un detido, David Hicks foi condenado polo goberno estadounidense tras alcanzar un acordo prexudicial segundo o que se declaraba culpable a cambio de saír de Guantánamo e ser enviado ao seu país natal, Australia. Poucos días antes de terminar 2007 foi posto en liberdade. Outros tres enfróntanse a cargos en virtude da Lei de Comisións Militares, uns tribunais administrativos que incumpren as normas internacionais sobre xuízos xustos.

Pero pechar Guantánamo non é a panacea. Hai que buscar solucións para os que non van ser xulgados. Aínda que Estados Unidos é o principal responsable de resolver a vergoña para os dereitos humanos que creou en Guantánamo, outros gobernos deben axudar no posible, mesmo ofrecéndose a facerse cargo de detidos liberados. Amnistía Internacional denunciou que hai polo menos 38 persoas recluídas en segredo pola CIA que permanecen desaparecidas, o que as pon en perigo de sufriren torturas ou malos tratos. Ademais, Estados Unidos debe garantir un xuízo xusto ou a liberación para as persoas ás que mantén recluídas na súa base aérea de Bagram, Afganistán, onde centos de persoas están sen asistencia letrada nin dereito a habeas corpus (revisión xudicial da súa detención).

Aos detidos de Guantánamo négaselles todo contacto co mundo exterior desde hai seis anos. A maioría permanecen illados en condicións de máxima seguridade, confinados na súa cela practicamente todo o día. Os do Campo 6 e o Campo Eco permanecen recluídos en celas sen fiestras, sen acceso a luz natural. As súas condicións de illamento, unidas ás interminables técnicas de interrogatorio e ao carácter indefinido da súa detención, seguen facendo temer seriamente polo seu benestar físico e psicolóxico.

O "buraco negro" ilegal que constitúen Guantánamo e os centros de detención secreta da CIA reflexa unha estratexia antiterrorista que está tendo unhas repercusións desastrosas nos dereitos humanos e na seguridade, pois na práctica está autorizando prácticas ilegais similares desde Paquistán ata África oriental e Europa. Guantánamo forma parte dun sistema máis amplo de violacións de dereitos humanos cometidas en nome da seguridade e que inclúe detencións secretas, entregas, desaparicións forzadas, torturas, malos tratos e a negación das salvaguardias xurídicas fundamentais ás persoas detidas. Este programa supón un enorme retroceso en materia de dereitos humanos do que tardaremos en recuperarnos.

Dos case 300 homes actualmente recluídos en Guantánamo, 15 foron trasladados alí nos últimos 14 meses desde a custodia secreta da CIA, o que confirma o papel de Guantánamo como núcleo da rede estadounidense de detencións ilegais, fraguados nunha tupida rede de "voos segredos" coa aquiescencia ou conivencia de numerosos gobernos.

Con todo, o prezo desta política de detencións ilegais é moi alto e faise sentir no mundo enteiro. Así, por exemplo, moitos dos recluídos en Guantánamo ou baixo custodia secreta da CIA foron capturados en Paquistán, un país que recorda ao exemplo estadounidense no seu xeito de recorrer á desaparición forzada, no seu recente recorte da independencia xudicial e no feito de que permite que o exército xulgue a civís.

Os gobernos de Europa negaron reiteradamente a súa complicidade no programa estadounidense de "entregas extraordinarias", unha práctica ilexítima na que numerosos homes foron detidos ilegalmente e enviados en segredo a países nos que foron vítimas de delitos adicionais, como a tortura ou a desaparición forzada. Con todo, a medida que foron saíndo á luz probas deste programa, queda claro que moitos Estados europeos adoptaron unha actitude de "ollos que non ven, corazón que non sente" respecto dos voos que utilizaron o seu territorio para trasladar a este tipo de detidos, e que algúns Estados participaron activamente en casos individuais.

Tamén en África houbo vítimas de entregas extraordinarias. As autoridades de Kenia detiveron polo menos a 140 persoas entre decembro de 2006 e febreiro de 2007. Delas, 85 foron trasladadas ilegalmente a Somalia e Etiopía, e polo menos outras 27 atópanse desaparecidas desde a súa detención.

A Amnistía Internacional uníronselle máis dun milleiro de parlamentarios e parlamentarias de todo o mundo para animar ao goberno estadounidense a adoptar un marco de 15 puntos para pór fin ás detencións ilegais no contexto da "guerra contra o terror" sen pór en perigo a súa capacidade de combater o terrorismo. Este marco é un plan que inclúe disposicións para pór fin á detención secreta e establecer un sistema xusto e legal para acusar e xulgar aos detidos de acordo co dereito internacional ou polos en liberdade. Máis dun milleiro de parlamentarios e parlamentarias, de países como Reino Unido, Xapón ou España (10 deles galegos do BNG e do PSdG-PSOE), apoian e promoven o marco de AI.

Estados Unidos ten o poder e a responsabilidade de tomar a iniciativa de pór fin a estes abusos, en lugar de promovelos e alentalos. Ao sumarse a este marco, o goberno estadounidense estará dando un importante paso para conmemorar realmente o 60 aniversario da Declaración Universal de Dereitos Humanos, que se cumpre este ano. Confiemos en que Bush escoite este clamor universal, e que non haxa que esperar ata as eleccións presidenciais.


3/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: