Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Festival en Compostela

Doce meses de artes escénicas con SCQ Danza

O ciclo, que comeza o 11 de xaneiro, achegará ao Teatro Principal e ao Auditorio de Galicia os espectáculos de seis compañías.

Redacción - 19:16 09/01/2008

Por segundo ano consecutivo o Concello de Santiago acolle este ciclo orientado a fomentar o gusto pola danza dos galegos e a promocionar e dar pulo ás compañías coreográficas do noso país. Durante este 2008 serán seis as compañías que visiten o Teatro Principal e o Auditorio de Galicia para darnos a coñecer os seus mellores espectáculos.

Así, o mes de xaneiro comeza con unha proposta da compañía Inquedanza, que este ano nos sorprende coa súa coreografía Na conca dos teus ollos. O grupo galego representará esta obra creada e interpretada por Armando Mantén, Ana Beatriz Pérez, Kirenia Martínez e Alexia Fernández os días 11 e 12 deste primeiro mes do ano, cunha proposta na que falan de "todos os pecados do amor sen detalles, detalles sen amor, arrepentirse de falar, de quedar sen tempo, de gardarse dun mesmo, de dar as costas demasiadas veces".

O festival de danza, continúa o 27 e o 28 de febreiro no Teatro Principal con Four Walls (Encontrando a Cage) por parte de Music-Walk, que ten o valor engadido de contar cunha actuación de música en directo. Creada por Nicasio Gradaílle e Olga Cameselle, esta obra reflicte, mediante o baile, a obra escrita por John Cage para unha coreografía de Merce Cunningham en 1944. Utiliza unha linguaxe que se adianta en case 30 anos ao minimalismo de Steve Reich ou Philio Glass, mais con moita carga emocional.

Danza dende o mundo para Galiza

O Auditorio de Galicia acolle en marzo outra das representacións deste ciclo coa chegada da obra do Centro Coreográfico Galego durante os días 29 e 30. Con O kiosko das almas perdidas de Roberto Oliván, os espectadores poderán ver un espectáculo híbrido de danza, teatro, música en directo, ilusionismo, vídeo e animación. A representación no escenario reflicte a situación metafórica duns individuos expulsados, desconectados e abandonados pola harmonía universal.

No mes de maio, o SCQ Danza trae a Compostela a proposta de Teresa Nieto en Compañía, con Ni palante ni patrás (no hay manera oiga...). Este espectáculo achega, dende unha perspectiva irónica, "a sensación de confusión que se apodera de nós nos momentos de cambio, de ruptura, de desamor, de desapego, eses momentos nos que termina unha etapa da nosa vida, pero aínda non empezou a seguinte".

A programación continúa en setembro, coa chegada ao Teatro Principal da Fábrica de Movimentos/Camèlia-Projectos Coreográficos. A compañía portuguesa achega á nosa cidade ás obras Registro; Ausencia (Memória descritiva); e As árvores ligam os passaros à terra, con coreografías de Susana Gaspar e Vera Santos.

Coprodución galego-portuguesa


Outra compañía portuguesa, neste caso a de Paulo Ribeiro, é a encargada de pechar o festival. En coprodución co Centro Coreográfico Galego, achéganos a súa obra Femenine, onde se aposta pola utopía como segredo de vida, deixando o caos deleitarse sen recorrer ao ruído. Con esta coreografía, os autores queren aproximarse á inmensa persoa de Pessoa, porque coma el "calcamos nas mesmas pedras inconformados por continuarmos aquí".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Inquedanza: entre mans, inauguran este festival
Inquedanza: entre mans, inauguran este festival
O Centro Coreográfico Galego actuará en marzo
O Centro Coreográfico Galego actuará en marzo