Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Piden melloras lexislativas e seguridade

As clínicas do país dedicadas á interrupción do embarazo súmanse á folga

Un centro coruñés vai pechar as súas portas para que se garanta "o dereito ao aborto". Outra de Vigo estuda sumarse á protesta.

Redacción / EP - 17:00 08/01/2008
Foto tirada en Porto Alegre, durante o Foro Social Mundial 2005 / Flickr: Gabby De Cicco

Foto tirada en Porto Alegre, durante o Foro Social Mundial 2005 / Flickr: Gabby De Cicco

A clínica Faos da Coruña é, polo de agora a única clínica galega que vai secundar a folga dos profesionais dedicados á interrupción do embarazo, permanecendo pechada até o vindeiro día 12. A clínica Castrelos de Vigo amosou a súa intención de sumarse á protesta, mais sen dar aínda a confirmación oficial.

Ámbalas dúas fan parte da Asociación de Clínicas Acreditadas para a Interrupción do Embarazo (ACAI), promotora do paro, secundado por uns 30 de centros en todo o Estado.

Esta folga foi convocada para pedir a posta en marcha da Lei de Prazos no Estado Español, para que se garanta o dereito das mulleres ao aborto ("como prestación sanitaria básica dentro da legalidade vixente"), e para pedir protección para os médicos e profesionais que traballan nestas clínicas.

Piden "amparo ante a situación de acoso e persecución" que sofren
Os membros da ACAI decidiron poñerse en folga ante a situación de "acoso e persecución" que sofren os seus profesionais, que ademais, segundo contan, foron "agravadas estes días pola actuación de grupos extremistas que queren impor a súa moral por riba dos dereitos contemplados pola lei". Deste xeito tamén tentan chamar a atención das autoridades sobre o que "pode chegar a ser un grave problema de saúde pública", posto que as clínicas privadas realizan o 98% das interrupcións do embarazo.

Os responsábeis destas clínicas consideran que o goberno español non quixo oír as súas reivindicacións, polo que agora organizaron este paro.

Nos próximos días as citadas clínicas non farán abortos, a excepción dos servizos mínimos, creados para atender só ás mulleres que estean nas 22 semanas do embarazo ou que corran perigo de morte.

En Galiza
No noso país prodúcense unas 2.500 interrupcións voluntarias do embarazo ao ano. Os hospitais Juan Canalejo da Coruña, o CHOU de Ourense e o Cuvi de Vigo realizan abortos, segundo os supostos que recolle a lei, aínda que moitos dos casos son derivados a clínicas privadas, xa que hai moitos médicos que se negan a practicalos (acolléndose aos seus dereitos) .

Segundo a Consellaría de Sanidade, en Galiza hai tres clínicas acreditadas para realizar interrupcións do embarazo: a Faos, na Coruña; e a Gelme e a Climent, en Pontevedra. Sanidade ten convenios coa Faos e a Gelme.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: