A británica e o presidente de Venezuela mantiveron unha conversa sobre diversos temas, que vai ser publicada pola edición inglesa da revista masculina GQ.
A modelo e o presidente venezolano
A revista masculina británica GQ publica esta quinta feira o contido da entrevista que mantiveron o pasado mes de outubro a modelo británica Naomi Campbell e o presidente de Venezuela, Hugo Chávez, ao que a primeira describiu coma un "anxo rebelde".
Campbell colabora habitualmente coa publicación entrevistando a grandes figuras mundiais da política, o deporte e o entretemento. "Sempre ouvín dicir que Chávez era un presidente do pobo e quería ver se era verdade... Non o quixen xulgar, nin investigar as súas visións políticas aínda que el as deu libremente", escribiu a modelo.
Ademais, Campbell dixo que quería ver algúns dos programas sociais do país e pedirlle ao presidente venezolano que fixese unha doazón á Fundación Nelson Mandela, que representa. A supermodelo dixo que o líder venezolano foi directo e "sen medo, mais non ameazante ou irracional".
Moda e música pop
Ao mesmo tempo, Campbell agregou que os venezolanos parecían máis felices que durante a súa última visita ao país, hai dez anos, para unha sesión fotográfica para a revista Sports Illustrated.
Ademais de sobre o enfrontamento que Hugo Chávez mantén co seu homólogo de EUA, George Bush, o presidente venezolano tamén deu a súa opinión sobre moda, música pop e a familia real británica. Para Chávez, Fidel Castro é o líder con máis estilo, e expresou a súa admiración polo príncipe de Gales.