Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
En tensión logo dos comicios

A violencia, o triste vencedor das eleccións en Quenia

Un país que ocupa o posto 148 de 177 no Índice de Desenvolvemento Humano de Nacións Unidas.

Silvia Torralba - Canal Solidario - 14:00 05/01/2008

Co 90% do voto escrutado, parecía que o líder opositor en Quenia vencería as eleccións pero ao final o presidente actual gañou por 230.000 votos. A violencia social xurdiu no país e miles de persoas desprázanse a Uganda.

O 27 de decembro celebráronse eleccións presidenciais en Quenia. Nos comicios enfrontábanse Mwai Kibaki, presidente do país nos últimos anos, e Raila Odinga, líder da oposición. O domingo pola noite a comisión electoral confirmou que Kibaki seguiría no poder tras unha vitoria axustada con só 230.000 votos de vantaxe e a pesar de que, co 90% dos votos escrutados, todo indicaba que o opositor Odinga sería o vencedor.

Desde entón, a inestabilidade e a violencia non deixaron de aumentar en Quenia. Os enfrontamentos entre partidarios dunha e outra formación política causaron a morte de 250 persoas e provocaron que miles de persoas fuxan das súas casas.

Situación política tensa
O Goberno do presidente kenyano, Mwai Kibaki, responsabiliza ao líder opositor do abrollo da violencia no país e fala de "limpeza étnica" porque a maioría dos ataques realízanse contra os kikuyu, etnia á que pertence o presidente e que desde hai anos domina a política e a economía do país. Raila Odinga, que nas últimas eleccións parlamentarias obtivo unha gran maioría co seu partido Movemento Democrático Laranxa, fala de fraude e critica que as autoridades prohiban a manifestación convocada para o 3 de xaneiro para protestar cos resultados das eleccións. A Unión Europea, que desprazara unha misión de observación electoral á zona, di que o proceso electoral "fallou en todos os estándares internacionais".

Violencia e desprazamentos
A violencia pon en perigo un dos países africanos máis estábeis e cunha economía importante e emerxente. A oposición fala de 250 mortos, aos que se suman as máis de 30 persoas que o 1 de xaneiro morreron mentres se refuxiaban nunha igrexa que foi asaltada e incendiada. A maioría eran mulleres e nenos, como as miles de persoas de etnia kikuyu que se viron obrigadas a deixar os seus fogares. Segundo Cruz Vermella, 75.000 cidadáns do val do Rift, no centro do país, fuxiron desta violencia, e na rexión do oeste cada vez máis persoas cruzan a fronteira para chegar a Uganda.

Inestabilidade social e económica
O conflito que vive Quenia estes días deixouse notar na economía do país e na situación de pobreza. Como explican os propios veciños de Kibera, o suburbio máis grande de Nairobi, desde fai días non teñen auga nin electricidade e ven como escasean os alimentos. "Había 3.000 comerciantes aquí, e outras 3.000 persoas empregadas no mercado. Se contas ás súas familias e aos clientes, 200.000 persoas dependían deste lugar", di Ezechiel Rema, presidente da asociación de comerciantes do mercado de Kibera. A esta situación engádese que cada vez escasea máis o carburante, feito que afecta a todo o país e tamén a outros veciños porque a maioría das importacións que levan a cabo nos Grandes Lagos pasan polo porto kenyano de Mombasa, que está parado.

Que fai a comunidade internacional?
Quenia é membro da Unión Africana e a Commonwealth, organizacións ás que xa llas instou para que medien no conflito. Segundo o primeiro ministro británico, Gordon Brown, a prioridade é "que a violencia chegue ao seu fin" e a partir de aí iniciar unhas conversacións e estudar "a posibilidade de que poidan estar xuntos "goberno e oposición- no executivo". Ata a data, nin Estados Unidos nin a Unión Europea felicitaron ao gañador Mwai Kibaki.

Dereitos humanos no punto de mira. Xa antes das eleccións presidenciais e do estalido da violencia en Quenia, Amnistía Internacional denunciaba no seu informe anual de 2007 a intensificación por parte do Goberno de Kibaki dos actos "de intimidación e fustrigación contra xornalistas e persoas dedicadas á defensa dos dereitos humanos". "O goberno de Mwai Kibaki foi obxecto de críticas xeneralizadas pola implicación de varios ministros en dous escándalos de corrupción" e as autoridades "non investigaron as denuncias de violacións de dereitos humanos a mans da policía, que incluían informes de tortura e homicidios ilexítimos", di a ONG.

Tamén chegan refuxiados
Quenia ocupa o posto 148 de 177 no Índice de Desenvolvemento Humano de Nacións Unidas e sitúase entre os últimos países cunha taxa de desenvolvemento humano medio. No país, a esperanza de media ao nacer non supera os 52 anos. Neste contexto, Quenia acolle a decenas de miles de persoas refuxiadas, a maioría procedentes de Somalia, país que nestes momentos vive a peor crise humanitaria do planeta.

Máis información:
Posicionamento de Amnistía Internacional ante a situación actual en Quenia
Últimas noticias sobre Quenia no portal All Africa
Información sobre a infancia en Quenia, de Unicef
Outras noticias sobre Quenia e o continente africano publicadas no Canal Solidario


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: