No plano crítico, o coordinador da executiva do Bloque tamén lle reprochou a Touriño que non se referise ao papel de Galiza no Estado.
O coordinador executivo do BNG, Francisco Jorquera, asegurou "botar en falta" o papel de Galiza no Estado no discurso do presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño. Jorquera lamentou que Touriño non tivese palabras para destacar o papel que xoga actualmente Galiza no conxunto do Estado e que, "malia que aínda queda por facer", en palabras de Jorquera, "mellorou nos últimos anos".
No entanto, considerou que o discurso foi "acorde" coas circunstancias institucionais, e destacou que, con el, Touriño realizou un repaso das accións que levou a cabo o Goberno bipartito. Neste contexto, o senador nacionalista reivindicou a actuación do BNG para o "cambio social" de Galiza e destacou o Sistema Galego de Benestar, o Banco de Terras, o Plan de Vivenda, o decreto eólico e o impulso polo deporte de base como algúns dos "logros" dos departamentos dirixidos polos nacionalistas.
Porén, o Bloque considera que quedan "moitos desafíos por diante" e fixou dúas materias pendentes para o presente ano: a reforma do voto emigrante e a reforma da Compañía de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG).