Na mostra poderemos recordar os fitos do celuloide de man dos recordos recollidos no desaparecido Cine Goya.
A mostra inclúe elementos do cinema da época
Do branco e negro silente, á cor e o son máis estridente, o cinema foi unha das artes que máis cambiou dende os seus inicios, e precisamente isto é o que poderemos ver na coruñesa Fundación Rodríguez Iglesias, que a través das lembranzas do antigo cine Goya, onde actualmente está emprazada, expón dende hoxe unha mostra baixo o título De película. O cinema a través do cine Goya.
Ano tras ano, este local viu pasar polas súas pantallas e os seus carteis as diferentes correntes artísticas que foron conformando a historia do cinema, dende os filmes clásicos máis recoñecidos, até as obras máis actuais. A exposición presta especial atención á “época do destape”, e analiza a través de imaxes, e outros elementos os máis de 50 anos de historia que viviu o cine Goya. Ademais disto, os que se acheguen até a rúa da Cordelería poderán ver tamén outros elementos relacionados co mundo audiovisual, como máquinas antigas, rolos de películas de diferentes formatos e diversos anuncios publicitarios.
Para acompañar a mostra, a Fundación Rodríguez Iglesias organiza todos os mércores de xaneiro, ás 20:30, unhas sesións de cinema nas que poderemos de balde as películas das Vangardas europeas, a Nouvelle Vague e o Neorrealismo Italiano e o Free Cinema británico, quedan representados mediante títulos como Hiroshima mon amour, de Resnais; Roma cittá aperta do máis humanista Rossellini; Persoa, dunha das recentes perdas do cinema mundial, Ingmar Bergman e A soidade do corredor de fondo, de Tony Richardson.