Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Os Siareir@s Galeg@s preparan os actos festeiros

"Se Galiza gozase dunha situación normalizada de país, xogar contra Camerún sería o normal"

Volven saír á rúa o 27-D, pedindo a oficialidade das seleccións deportivas nacionais. Falamos con eles cando xa se fan 11 anos do seu nacemento como colectivo.

Redacción: A. Rodríguez. / Vídeo: Lucía Iglesias / Edición: Pedro C. Solla - 20:01 26/12/2007

Hai uns once anos xuntouse unha xente (dos Muralla Norte de Lugo; dos Compostolos e dos Fendetestas de Compostela; unha sección dos Riazor Blues, a Grei Gentalha; os Celtarras; e os Radicais vermellos, de Ourense) e, rachando cos localismos, decidiron crear un colectivo que recollese as arelas de ter unha selección propia, e que loitase pola súa oficialidade. Daquela chamáronse Siareiros Galegos, mais hai xa tres anos o colectivo mudou o seu nome polo de Siareir@s Galeg@s, ao tempo que ía medrando en socios e socias e en actividades polas comarcas galegas, alén do fútbol.

Agora xa pasaron dos dous milleiros de socios e socias, e hai dous anos conseguiron un dos seus obxectivos, que se crease a selección galega de fútbol; este ano foi outro: xa hai selección feminina.

Aínda hai moitas cousas polas que loitar (tamén alén do ámbito deportivo), mais sobre todas destaca a de poder conseguir a oficialidade para as seleccións deportivas galegas, o que permitiría que tivesen forza internacional, e que a súa actuación pasase dun partido ritual unha vez ao ano.

Indo máis alá do terreo deportivo
Os e as Siareir@s tamén andan presentando polas bisbarras o DVD no que recollen a súa historia destes 10 anos ("1996-2006. 10 anos luitando por Galiza"). En Vieiros collémolos un anaquiño para que nos contasen a historia do seu colectivo, as súas principais reivindicacións, ao tempo que lembraban que esta quinta feira, 27-D se han xuntar ás 20:15 na Praza das Travesas, en Vigo, para volver reivindicar o dereito a xogar partidos internacionais das seleccións deportivas galegas baixo o lema "Somos umha naçom. Oficialidade!".

Falaron con nós Rodolfo Fernándes, da comarca de Ferrol; e Diego Bernal, da comarca da Coruña.



Vieiros: Como valorizan a creación das seleccións galegas 3 anos após?

Diego Bernal: Valorizámolo moi positivamente, mais con cautela e ao final tiñamos razón. A creación das seleccións para nós foi un paso adiante, mais para a Xunta non foi máis do que unha meta, un mínimo paso que equipara Galiza a lugares como A Rioxa ou Cantabria, que tamén teñen selección para xogar partidos deste tipo. Nós somos unha nación e temos dereitos, máis alá de ser un simple apéndice da selección española.

Ao comezo, o discurso de Santi Domínguez (daquela director xeral para o Deporte), era mesmo sobrepasado por membros do Partido Socialista Catalán. Queremos dicir que dende Deporte non hai apoio á oficialidade da selección. Aínda que desde que mudou o Goberno o trato con nós tamén mudou considerabelmente. Teñen que contar con nós, iso é inevitábel, porque esta viaxe non a poden facer en solitario. Neste sentido as cousas cambiaron bastante; agora somos recibidos e escoitados.

Que significou para o seu colectivo a creación da selección feminina de fútbol?

D. B.: Coa creación desta selección tirouse de valores definidos como "de esquerda" (por exemplo, o combate ao machismo), mais facer que o partido comece antes do dos homes (ás 18:30 horas) fai que fique como un segundo prato.

E neste sentido nós queremos demostrar un especial malestar, porque a xente que vaia ao encontro das mulleres non vai poder saír para asistir á manifestación que temos convocada pola oficialidade das seleccións. Pretenden que a xente que teña vontade por ir á manifestación, non poida acudir e obrígana a permanecer en Balaídos deica o partido dos homes, unhas cinco horas.

Nós non vamos poder asistir ao primeiro encontro, posto que non nos deixarían saír e temos que ir á manifestación. Mais imos ir ao comezo para falar coas xogadoras, explicarlles o que acontece e manifestarlles o noso apoio, entregándolles un manifesto.

Como foi evolucionando, nestes tres anos (dende o primeiro partido da selección) o seu colectivo?

D. B.: Cando se creou a selección galega, nós abandonamos as reivindicacións do dereito a unha selección propia e enfocamos os esforzos cara outras arelas que van alén das actividades que teñamos organizado nas comarcas onde temos presenza (concertos, partidos, palestras, debates, asembleas...) Sobre a mesa temos varios retos para o futuro, como a galeguización das federacións deportivas galegas; a galeguización dos clubes de base (estamos estabelecendo contacto directo xa con algúns); e o contacto directo cos xogadores e xogadoras de elite, para amosarlles o noso apoio e procurar o seu.

Neste sentido, como lles van os contactos cos xogadores e xogadoras? Teñen o apoio dalgún ou dalgunha?

D. B.: Alén de Nacho, que xa deixou claro o que pensaba cando manifestou, no seu tempo, que non quería participar na selección española, cremos que o que realmente hai é un sentir xeneralizado, dentro de determinados círculos deportivos: isto é, hai xente que ve con bos ollos a participación das seleccións galegas a nivel oficial, en competicións internacionais, mais o feito de se manifestar contrario a xogar na selección española supón para moitos deportistas unha persecución mediática e a posibilidade de ser expulsado do seu clube de fútbol...

Atópase entre as súas reivindicacións a procura de outros rivais para as seleccións, se cadra, máis simbólicos?
D. B.: Non especialmente. Se Galiza gozase dunha situación normal de país xogar contra Camerún sería normal. Pero o dos rivais é un tema máis simbólico e mediático.

Neste sentido os vascos e os cataláns traballan ben, procurando recursos legais para poder xogar a nivel internacional. Estas dúas nacións van xogar un amistoso o vindeiro 29 de decembro en Bilbo. Estaría ben avanzar cara estes partidos simbólicos.

Rodolfo Fernándes: Resultaría emotivo recuperar aquel campionato a 3 bandas dos primeiros 80, no que xogaban Galiza, Cataluña e Euskadi. Mais cremos que Camerún é un rival moi digno, con xogadores de primeira orde.

Que contacto mantedes co colectivo pola oficialidade das seleccións deportivas vascas (ESAIT) ou a Plataforma pro Seleccions Esportives Catalanes?

R. F.: Estamos aínda estabelecendo contacto con estes dous países que están no mesmo contexto ca Galiza dentro do Estado español, e que queren avanzar cara a oficialidade das súas seleccións. De feito, unha delegación de Siareir@s vai participar na manifestación que teñen convocada para o día 29 en Bilbo, antes de xogar o partido.

Antes falabamos de que dende hai uns anos o voso colectivo mudou de nome, pasando a se chamar Siareir@s Galeg@s, coa "@" polo medio. Tiñamos que o preguntar, son moitas as mulleres socias?

R. F.: Dentro de Siareir@s estamos traballando pola normalidade en todo o colectivo. É certo que nacemos no ambiente do fútbol, que de por si é ben machista (sobre todo, o fútbol de espectáculo), mais temos representación feminina, aínda que segue a ser pouca.

Hai uns anos comezamos a loitar contra o machismo no fútbol e mudamos o noso nome histórico para o de Siareir@s Galeg@s, e á nosa web pódese acceder dos dous xeitos (poñendo siareiros galegos e siareiras galegas). Mais é certo que son medidas máis simbólicas que outra cousa, e que resulta complicado mudar a realidade (após anos de franquismo, seguidos de anos de fraguismo) pero estamos traballando nisto, tamén na rúa, dun xeito serio.


4,57/5 (21 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Un momento da entrevista, á esquera Rodolfo Fernándes, e á dereita Diego Bernal
Un momento da entrevista, á esquera Rodolfo Fernándes, e á dereita Diego Bernal
Un cartaz do colectivo Siareir@s Galeg@s
Un cartaz do colectivo Siareir@s Galeg@s
O novo cartón dos socios e socias de Siareir@s Galeg@s
O novo cartón dos socios e socias de Siareir@s Galeg@s
O novo cartón, pola outra cara
O novo cartón, pola outra cara
Agora andan presentando este DVD polas comarcas do país
Agora andan presentando este DVD polas comarcas do país
Foto de familia dos Siareir@s, naquel partido contra os persoeiros deste verán
Foto de familia dos Siareir@s, naquel partido contra os persoeiros deste verán