Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
COMISIÓN BILATERAL

O goberno español acelera a transferencia das competencias prometidas a Galiza

Elena Salgado e Anxo Quintana avanzaron este mércores en Madrid no traspaso das 9 competencias acordadas entre o PSOE e BNG.

Redacción - 18:10 26/12/2007

A Xunta e mailo executivo estatal apuran os prazos para a transferencia de competencias. O vicepresidente galego, Anxo Quintana, e a ministra de Administracións Públicas, Elena Salgado, reuníronse este mércores en Madrid para axilizar os traspasos. As dúas partes salientaron a boa sintonía da xuntanza. Se nada se torce, antes de que remate o vindeiro mes de xaneiro, Galiza vai asumir novas competencias, entre outras, en museos, arquivos históricos e bibliotecas públicas e no Parque das Illas Atlánticas.

A finais de xaneiro está previsto que se celebre unha comisión mixta na que se aprobarán xa os temas máis avanzados nos grupos de traballo. A priori, a competencia que máis dificultades presenta por mor dos prazos é a da Inspección de Traballo. Malia a todo, Quintana sinalou que o máis importante da reunión deste mércores foi a “vontade política de colaboración e cooperación”. Agárdase que o día 8 de xaneiro o goberno español dea luz verde definitiva para que se destinen a Galiza, en concepto de débeda histórica, 51 millóns de euros para servizos sociais.

A única baza á espera do Estatuto
Quintana deixou claro que a falta de Estatuto é preciso abrir a billa competencial todo o posíbel. Fontes de Vicepresidencia consultadas por Vieiros salientaron a importancia destas competencias e sobre todo a celeridade con que se está a proceder dende Madrid. O goberno español está a cumprir os compromisos adquiridos co BNG, logo de que esta formación lle salvara a cabeza política á ministra de Fomento hai escasas semanas.

Porén, dende Vicepresidencia lembran que aínda hai moitas etapas por percorrer para aumentar o autogoberno que permite o actual Estatuto. E aí está o xogo político do vindeiro ano. Os nacionalistas son conscientes de que o debate sobre a reforma estatutaria non vai abrirse até que se celebren unhas novas eleccións autonómicas: “A actual correlación de forzas en Galiza non o posibilita. Hai que agardar que se volvan repartir cartas”, sosteñen.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: