Os populares teiman en que todo canto museo ou centro de referencia financie o Estado se constrúa en Madrid, e comparan o proxecto para a Coruña co traslado da CMT a Cataluña.
"É un novo agravio do goberno de Zapatero á Comunidade de Madrid", afirmou xa hai días Antonio Beteta, senador madrileño do PP. Na súa opinión, a iniciativa de trasladar o Museo Nacional da Ciencia e a Tecnoloxía até A Coruña implica "un veto á cultura científica de todos os madrileños e dos millóns de turistas que visitan cada ano a rexión".
Beteta atribuíulle directamente ao Secretario de Organización do PSOE, Xosé Blanco, a idea deste traslado, e cualificouna de "compromiso e débeda de Zapatero cos nacionalistas", relacionando ademais este episodio co voto favorábel dos deputados do BNG aos orzamentos e contra a reprobación á ministra de Fomento. O senador do PP recordou ademais o que no seu día foi tamén un traslado criticado con belixerancia polo seu partido, o da Comisión do Mercado das Telecomunicacións a Barcelona.
Mentres, e aínda que evitaron criticar directamente ao PP madrileño, os responsábeis respectivos do PPdeG e do partido na Coruña, Alberte Núñez Feijoo e Carlos Negreira, coincidiron en apoiar a construción deste centro museístico na cidade herculina. Ao fío, pediron que o compromiso se cumpra "de verdade" e chamaron a aclarar se "o que van trasladar á cidade é todo o Museo ou só unha delegación". Recordaron ademais que de momento os propios coruñeses xa pagaron a sede, en referencia á cesión do edificio Prisma de Cristal, no Labañou, realizada pola Deputación da Coruña.
Por outro lado, o secretario provincial do PSdeG, Moisés Rei, afirmou esta fin de semana que as críticas do PP "son unha afronta á cidade e a Galiza, coa que se demostra, unha vez máis, que os populares non defenden os intereses da provincia". Ademais, destacou que o feito de que o goberno español seleccionara A Coruña como sede da entidade débese "a que esta cidade foi pioneira na implantación dunha rede de museos científicos" como a Casa das Ciencias, a Casa do Home (Domus) ou a Casa dos Peixes (Aquarium Finisterrae).