Marcos S. Pérez - 10:20 23/12/2007
Ortopedias Bonitas, o álbum de debut de
Manos de Topo publicouse en xuño e dende entón o nome do grupo comezou a soar por todo o Estado, grazas sobre todo ao boca a boca a través de Internet e dos myspace. O primeiro que chama a atención ao escoitar o grupo é, inevitablemente, a voz de Miguel Ángel Blanca, o cantante, chea de falsetes, algo impostada e dando a impresión de estar chorando en todo momento. O vigués Alejandro Marzoa, fundador do grupo xunto con Miguel Ángel, explica que "comezamos representando un papel, dun grupo de perdedores aos que lles saía todo mal no amor. E o da voz xurdiu porque si, como unha forma de magnificar o sufrimento que se contaba nas letras".
O gran tópico sobre
Manos de Topo é que é un grupo que se ama ou se odia, e ás veces as dúas cousas a un tempo. A voz de Miguel Ángel ten moito de culpa niso, pois máis que cantar,
chora as cancións. A voz funciona como etiqueta eficaz e Alejandro Marzoa avisa: "o grupo naceu con esa voz, e con esa voz morrerá". Iso convérteos, en parte, nun grupo de culto, cun grupo de fans moi fiel e cada vez máis numeroso, tamén en Galiza: "hai tanta xente que odia a nosa música que é normal que a xente á que lle gustamos, gustámoslle moito. Niso si podemos ser un grupo de culto".
50% galegosManos de Topo ten dous integrantes galegos (Alejandro Marzoa e Rafa de los Arcos) e dous cataláns. Coñecéronse estudando cine en Barcelona (as cancións están cheas de referencias cinematográficas, o mesmo que o vídeo:
Un seductor pidió la jubilación porque se había enamorado, y yo me pegunto: ¿es pronto para decir qué haremos sin Marlon Brando? (...) Ya nadie llama a los tranvías deseo...) e puxéronse a facer cancións, sen demasiadas ambicións: "eramos un grupo de amigos, que sen ter moita idea de música, sempre nos apeteceu ter un grupo, facer cancións".
Se até este ano eran coñecidos unicamente en Barcelona, no 2007 comezaron a soar en todo o Estado, con concertos en Zaragoza, Madrid, e agora Galiza. Alejandro di sobre Barcelosn que é "unha cidade moi grande, na que hai cabida para todo. Ás veces penso que para un grupo coma nós, que facemos unha música que sae un pouco do normal, resúltanos máis doado ter éxito en Barcelona, do que nos costaría en Galicia. En Barna hai xente para todos os tipos de música". ¿É un bo momento para a música na cidade? "Creo que a escena musical barcelonesa é superatractiva, ademais de
12Twelve, ou
Standstill, que son máis coñecidos, hai grupos moi interesantes, como
Los Carradine,
Anticonceptiva,
Coconot, ou
Beef", di Alejandro, que tamén segue o que se está a facer en Galiza "seguimos moito a escena galega, sobre todo a de Vigo, onde están saíndo bandas a patadas, e con moita calidade. Gústame moito
Elodio y los seres queridos,
Portrait, Pacífico,
Bronxon Project,
Nadadora...".
Pop surrealista, pop raro
Outro dos sinais de identidade de
Manos de Topo son as súas letras, recuperando a tradición do pop surrealista, que tan ben practicaron
Niño Gusano e que en Galiza podería ter a
Ataque Escampe como representantes. Con todo Alejadro di que "a min persoalmente gústame moito Niño Gusano, pero non teño moi presente esa influencia á hora de compoñer. Ademais, creo que temos máis relación con outros grupos, como Astrud".
As cancións de
Manos de Topo falan de amor, todas. Dun amor que case sempre sae mal:
el cartero no tenía la culpa/ Fui yo el que a quererte no se atrevió/ Y si necesito amor encenderé el radiador/ porque no quiero estar contigo si es encerrado en el baúl. Os personaxes son perdedores, case sempre:
He hecho muchas cosas que no tienen ningún perdón/ como dar veneno a tus gatos/ ser amigo del hombre del saco/ y además no doy la talla al hacerte el amor. Pero tamén teñen un lado máis
canalla:
llevas demasiado carmín para ser sólo amigos/ el baño no es el sitio ideal para decir te quiero (...) ¿Qué vas a hacer cuando descubras que el follar provoca cariño?