Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
FÚTBOL

Ímoslle poñer nome á Selección Galega!

Andamos á procura dun nome de guerra para a Galiza futboleira. Participa e gaña os agasallos máis tecnotrónicos.

Redacción - 10:04 19/12/2007

Se os brasileiros teñen a mítica 'canarinha' e os holandeses a lendaria “laranxa mecánica”, cal é o nome de guerra para a Selección Galega. Pois nesas andamos en Vieiros, man con man coa Radio e a Televisión de Galicia, e queremos contar coa opinión de todos os siareiros.

Dende este mércores e até o vindeiro día 26 de decembro, podedes propoñer un nome ou votar polo que máis vos guste, para isto só tedes que cubrir un sinxelo formulario de rexistro. Ao longo destes días imos ir vendo cales son os nomes favoritos. Todas as propostas que nos cheguen serán valoradas por xornalistas do eido deportivo. Como xa sabedes xa hai algunhas propostas que chegaron ao cabeceiro a semana pasada: Tropas de Breogán,Os Irmandiños, A Orballada Branquiceleste, Selección Bravú...son algunhas das moitas propostas...e ti cal tes?

Mais para todos aqueles que participen, tanto propoñendo nomes como votando, pode haber premios tecnotrónicos. Sortearemos entre todos os concursantes dous Macbook e catro iPod Touch. O día 26 de decembro, ás 14 horas, publicaremos os nicks dos seis agraciados, que na mesma xornada recibirán un correo co resultado.

Os premiados recibirán os seus agasallos o 27 de decembro no estadio de Balaídos instantes antes do partido Galiza-Camerún. Nese momento, tamén se fará público o novo nome de guerra da nosa selección.

*Esta noticia non ten posibilidade de comentarios. Se queredes podedes participar e ver como van os resultados aquí. Adiante.


4,7/5 (30 votos)