Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Irimia

Xestionado pola Asociación Irimia
RSS de Irimia
Editorial

Sobre tramas e fabas

En Mugardos hai “caso”, está claro. Toda a prudencia e toda a presunción de inocencia para os imputados, pero hai materia no xulgado, investigación en marcha, indicios moi claros de trama, cousas que pasaban...

Redacción - 18:45 14/12/2007
Tags:


Non vale de moito dicir o das fabas e as caldeiradas: en “case todas” partes se cocen, pero hai que conseguir estar na beira do “case”, e non na beira do “todas”. Tampouco vale de moito dicir que o de Reganosa, a cidade da cultura e as chambonadas urbanísticas da Coruña ou Vigo son asuntos de maior envergadura sobre os que pode chegar a haber pactos de silencio. E por suposto, tampouco nesta altura vale argüír cunha teoría da conspiración contra o BNG. Hai unha cuestión clara: certas forzas políticas teñen a encomenda de facer outra política. E para iso cómpre, precisamente, romper os complicados círculos herdados do compadreo, da vista gorda, desa permisividade que, por ese entramado de relación familiar (en Galicia somos unha enorme familia extensa) e veciñal, forma parte da nosa “cultura popular”. Por iso o obsesionarse co número de votos non é o camiño. O electoralismo “cuantitativo” é perigoso e curto de miras e pode ser ruinoso se se quere investir en futuro político e non queimar todos os activos no curto prazo. Facer un urbanismo responsable e rigoroso, facer respectar os límites da legalidade, facer comprender á xente que non todo é posible aquí e agora, xestionar a escaseza con xustiza e legalidade, converter os funcionarios en aliados eficaces e fiables, dicir algunha vez que non, non ter pánico dos medios de comunicación nin obsesionarse con eles... Eses son parte dos deberes dun grupo político que goberne, especialmente se quere desmarcarse de “vellos estilos” e representar algo novo. E o que está claro é que todo o mundo ten dereito a equivocarse. Neses casos hai un sistema moi hixiénico que o electorado comprende: un recoñece que as cousas estaban a facerse mal, ou que un non se decatou do que estaba pasando e, daquela, tranquilamente presenta a dimisión. E non pasa nada. Máis ben ao contrario, sería un bo sinal de que os tempos cambian.


2/5 (4 votos)