A mostra recolle 45 imaxes de represaliados galegos durante a época da ditadura.
Amancio Caamaño, represaliado
Con motivo da celebración do Ano da Memoria Histórica, o fotógrafo Xurxo Lobato recolle nesta exposición unha serie de retratos de 45 persoas que foron represaliadas ou vítimas da Guerra Civil en Galiza. A mostra está pensada coma unha homenaxe aos homes e mulleres que tiveron que sufrir na súa propia pel os horrores da represión franquista.
Rostros da Memoria poderá visitarse na compostelá Casa da Parra até o 30 de xaneiro, e forma parte da iniciativa que a Consellaría de Cultura vén realizando a prol de conseguir que os represaliados se convertan en protagonistas “dun tempo no que a recuperación da memoria é unha débeda que aínda queda pendente”. Ademais desta mostra, existen con este fin outras exposicións itinerantes, ademais dun proxecto de investigación interuniversitario baixo o título de Nomes, voces e lugares.
A exposición homenaxea tamén a todos aqueles que mantiveron os ideais comunistas, republicanos, anarquistas, masóns, socialistas e nacionalistas nos tempos en que “pensar era delito e soñar perseguíase”, segundo indica o propio Lobato, quen tamén afirma que “é o momento de cumprir a débeda, que temos os que hoxe gozamos da liberdade, cos que por ela loitaron”.