A Universidade Autónoma de México súmase aos centros nos que se pode estudar a nosa lingua e cultura fóra de Galiza.
Durante a súa viaxe a México o presidente da Xunta subscribiu un acordo para crear unha cátedra extraordinaria na UNAM (Universidade Autónoma de México), na que se estude lingua e cultura galega. Daquela, serían xa 45 os centros académicos de fóra de Galiza onde se imparten clases sobre o noso país e a nosa lingua.
Para Touriño, esta cátedra sería unha "homenaxe simbólica" aos exiliados galegos na súa "nova patria mexicana", onde, segundo dixo, "participaron activamente da súa vida cultural, e nunca abandonaron a lingua galega nin cesaron no seu empeño por seguir contribuíndo ás súas letras e ás súas artes".