Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Por seren estas de máis doado acceso

Alertan da substitución da dinamita polas bombas de palenque na pesca

O Parlamento analizou este luns o problema. Ademais, tratouse sobre a vindeira revisión do seguro do mal tempo. Por outra banda, a Xunta terá que indemnizar a 18 traballadores de Adelga.

Redacción - 19:20 10/12/2007
Protestas contra a pesca ilegas / Foto: Greenpeace

Protestas contra a pesca ilegas / Foto: Greenpeace

Segundo Pesca, algúns barcos galegos da flota de cerco (composta por 160 embarcacións) están a usar a pólvora das bombas de palenque para pescar, porque é moito máis doada de conseguir do que a dinamita.

Nestes días nos que se vén falando moito das prácticas ilegais na pesca, ao tempo que os mariñeiros da zona de Camariñas que estaban a pescar con dinamita viron como lles foron retiradas as licenzas, o Parlamento reuniuse este luns en comisión para abordar o tema.

Máis de 70 infraccións en 2007
O director xeral de Recursos Pesqueiros, Antonio García Elorriaga, explicou que a dinamita en cartuchos adoita entrar en Galiza por Portugal e Francia e que é empregada por "unha minoría" das embarcacións da flota de cerco como método ilegal de pesca.

Este ano fixéronse, segundo indicou García Elorriaga, unhas 615 inspeccións, nas que de detectaron unhas 74 infraccións, tres delas por explosivos (as embarcacións Manuel Dedín, Lago II e o Gallego José). Nos dous primeiros casos, os expedientes foron remitidos a un xulgado de Corcubión, e foilles retirado o permiso (permex) e mais o Libro Verde.

Porén, o voceiro de Pesca do BNG, Bieito Lobeira, díxolles aos representantes da Consellaría de Pesca que non chega con estas inspeccións, porque o normal é que os barcos non leven os explosivos a bordo, senón fondeando, ao seu carón. Por isto pediu "medidas exemprarizantes" que os disuadan.

Cambios no seguro do mal tempo

Tamén se tratou na comisión sobre as posíbeis mudanzas do seguro do mal tempo. O secretario xeral de Pesca, Miguel López Sieiro, asegurou que a Xunta vai mudar as condicións de cobertura do seguro para que medre o número de inscritos, namentres que Lobeira, de novo, advertía da posíbel "escasa" participación do sector

Segundo o parlamentario nacionalista, os requisitos para optar ás axudas "non se axustan ao litoral galego" (o seguro avalía o acceso ás indemnizacións en función da altura das ondas e da duración das mesmas).

Na actualidade só o 25% das organizacións pesqueiras e unhas 200 embarcacións apostaron por esta póliza que palía as perdas económicas do sector cando a flota queda ancorada por causa do mal tempo.

A Xunta, condenada a indemnizar a 18 empregados
Por outra banda, entre este mes e o vindeiro a Xunta terá que indemnizar a 18 traballadores de Adelga (Axencia Galega de Desenvolvemento do Litoral), despois de que o Tribunal Supremo confirmase o seu despedimento improcedente.
Os cartos que debe pagar o Goberno van entre os 4.000 e os case 19 mil euros, nas indemnizacións, e dos 1.400 aos 11 mil, nos salarios de tramitación.

López Sieiro asegurou que os traballadores poderán ter os cartos canto antes, posto que poderían ficar sen a súa prestación por desemprego se se adía máis o pago.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: