Os sindicatos confían en que a obra pública minimice a crise inmobiliaria.
As empresas que se dedican á construción non son nada optimistas de cara aos vindeiros meses. Segundo datos que este venres deu a coñecer o Instituto Galego de Estatística (IGE), case sete de cada vez patróns consideran que van ter que diminuír persoal nos vindeiros meses. Detrás destes prognósticos negativos está o medo a unha recesión na venda de vivendas.
Pola súa parte, os sindicatos consideran que o empresariado cae no alarmismo e confían en que a obra pública lle siga a dar estabilidade ao sector. Vitorino Ares da CIG explicoulle a Vieiros que se ben é certo que hai unha deceleración no mercado inmobiliario afecta de xeito principal ás chamadas 'segundas vivendas'. En canto aos contratos, denuncia que a inestabilidade no sector é unha constante dos últimos anos que só está a salvar a obra pública.
Caída de vendas na Mariña
O presidente dos promotores de Lugo, David Vilela, asegurou este venres que a venda de pisos na Mariña caeu até un 40%. O representante da patronal queixouse de que a Xunta metera man no caos urbanístico de Barreiros e Foz, poñendo en dúbida, segundo as súas palabras, a credibilidade dos promotores.