Moitos dos rostros que nestas datas tatúan a sala da Galería Sargadelos-Barcelona -rostros con nome- son froito do traballo que comeza na fotografía. Manipulando as instantáneas, Dani Bembibre vai eliminando detalles, perdendo lastre, até reducir as faccións a catro liñas principais e definidoras. Como se, destemido, quixese facer terapia e burlarse do "Horror vacui" da arte europea. Daniel é o artista que chegou do frío. Viviu en Helsinki e estudou na UIAH (Universidade de Artes e Deseño de Helsinki). O ano pasado xa presentara, nunha tenda do Raval, o seu traballo Put Things In Order , unha escolma de obras baseadas na fotografía e que formaba parte do programa do BAC 2006. Naquel espazo téxtil e cálido as creacións de Daniel ironizaban e filosofaban sobre espazos, sobre o tempo.
Nesta nova entrega Bembibre constrúe cabezas totémicas. Facianas grandes, todo o que da de si a altura da Galería Sargadelos. Non é a primeira vez. As fotos que conformaban
Put Things In Order eran de formato grande. A Bembibre vanlle os espazos abertos e xenerosos.
Camiñar pola exposición de Sargadelos-Barcelona é descubrir un novo espazo na galería, saber que hai alí e agora un territorio de xigantes nacidos da propia parede. O novo territorio é fraga de formas negras, souto de ocos riscados. Daniel é querencioso co xogo natureza-humana loita. No bandullo da construción arquitectónica, o artista inventa o bosque. E inverte o orde, as cabezas que se aproximan a contemplar a creación -as nosas sorprendidas cabezas- son cativas, limitadas en volume e capacidades. Por contra, as que están a nos mirar desde a foresta de sinais e de riscos son monumentais. Esaxeran o volume. Os rostros son planos, marcando as dúas dimensións. Pero, como envolven a quen se atreve a subir e miralas, provocan outros planos, outras dimensións. E o visitante cae nas redes, é aducido para a obra total, acaba no centro da mesma.
Hai que salientar que hai reproducións máis cativas para quen se sinta gañado pola estética primaria dos trazos mínimos e decida levar algunha face consigo.
Quen vai á Galería Sargadelos Barcelona ha esperar que suceda calquera cousa. Xa pode sentirse mordido por un can palleiro -identidade colectiva- xa ensarillado na troleirada de rúa e conto. E senón a sorpresa vén cando nos din que están "
Pintando Pintura" (un tal Cabezas), ou das "Cabezas" que agora miran de retratar a nós mesmos.
EXPOSICIÓN EN SARGADELOS: "Cabezas"
Galería Sargadelos Barcelona Provença, 276, 08008
Até o 16 de decembro de 2007.