Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Tempos Novos

Xestionado por Tempos Novos
RSS de Tempos Novos
CARA ÁS ELECCIÓNS XERAIS

Ibarretxe e o nacionalismo español

Que o goberno español rexeite unha iniciativa autonómica que, como a de Ibarretxe, cae fóra do ordenamento legal, non debería estimular mecanicamente, segundo Damián Villalaín, acusacións de "nacionalismo español".

TEMPOS Novos - 10:12 03/12/2007
Damián Villalaín é asesor da Consellaría de Presidencia

Damián Villalaín é asesor da Consellaría de Presidencia

Certa opinión nacionalista en Galicia dá como feito probado que o goberno de Zapatero entrou en competición co PP polos postulados neonacionalistas que o partido de Rajoy quere converter en centro de gravidade das eleccións de 2008. Teño para min que, ben miradas, esas supostas probas nin sequera chegan á categoría de indicios. E, francamente, parécenme imputacións algo lixeiras despois dunha lexislatura na que o goberno socialista afrontou retos de tan difícil xestión política e mediática como o Estatuto catalán e o fin dialogado do terrorismo, e na que se formalizaron continuos pactos cos partidos nacionalistas, sempre coa feroz oposición da dereita.

Pero para a opinión nacionalista nada disto ten maior importancia ao lado do "non" gobernamental á proposta de Ibarretxe sobre a "consulta" coa que o lehendakari quere pescudar se os vascos prefiren decidir ou non decidir. Non vou repetir os xa sabidos argumentos que se opoñen ao designio de Ibarretxe. Só quero suxerir dúas cousas: a primeira é que o rexeitamento por parte do goberno español dunha iniciativa dun goberno autonómico, sobre todo se esta cae fóra do ordenamento legal, non debería estimular mecanicamente acusacións de "nacionalismo español", agás que se pretenda reducir todos os debates ao animado pero estreito terreo das pugnas nacionalistas, as cales, despoxadas de calquera outra consideración ideolóxica, política e xurídica, acaban sendo debates pedestrizados ou simples afirmacións de simpatías e antipatías.

A segunda suxestión é que non todas as propostas procedentes de dirixentes ou organizacións nacionalistas son defendibles de seu, sobre todo cando son propostas que se opoñen entre si. Non se pode dicir que está moi ben o que propón Imaz e, quince días despois, dicir que tamén está moi ben o que propón Ibarretxe, xa que as súas ofertas son totalmente distintas e debuxan escenarios de solución (ou de non solución) radicalmente diferentes. É comprensible que os nacionalistas galegos se mostren solidarios co nacionalismo vasco. Pero de aí a comportarse como disciplinados militantes do PNV, ou incluso como membros do Euskadi Buru Batzar, hai un paso que talvez non sexa imprescindible dar.

Artigo publicado na edición impresa de TEMPOS Novos (nº 126, novembro de 2007)


4.33/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: