Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A un ano de Beixín 2008

Chamada á presión sobre China para que as Olimpíadas abran portas aos dereitos humanos

Colectivos como Amnistía Internacional ou a Asociación Mundial de Prensa, piden non desaproveitar a oportunidade para impulsar o goberno chinés a renunciar ás prácticas represivas.

Redacción - 10:00 02/12/2007

A crecente atención que China xa esperta nas primeiras planas da información internacional verase incrementada no verán de 2008 cando o país acolla os Xogos Olímpicos de 2008. Cara á esa data, a propia administración chinesa ten prometido que atenderá algunhas das demandas que ao respecto dos dereitos humanos lle vén facendo a comunidade internacional.

De xeito concreto, desde Amnistía Internacional sinalan por exemplo que a reforma da pena de morte ou o aumento da liberdade coa que os xornalistas estranxeiros poden informar, son bos avances. Pero desde o mesmo colectivo, láianse tamén dos fondos problemas que en China aínda sofren as persoas comprometidas co activismo en defensa dos dereitos humanos e as cancelas que o xornalismo chinés sofre para informar en liberdade. Así, Amnistía Internacional quéixase de que a administración chinesa estaría renunciando a avanzar nos compromisos e utilizando a cita olímpica para "xustificar a represión en ben da suposta harmonía ou estabilidade social".

Por este motivo, Amnistía chama a insistir na denuncia dos abusos e advirten que o propio movemento olímpico, incluídas o Comité Olímpico Internacional e as empresas patrocinadoras, verán a súa imaxe afectada de xeito negativo se non fan presión en favor dos dereitos humanos en China.

De xeito semellante, desde a Asociación Mundial de Prensa, WAN, consideran inaceptábel que no momento actual cando menos trinta xornalistas e medio cento de ciberdisidentes están en cárceres do país arrestados polo exercicio da liberdade de expresión. Por isto, a WAN solicita especialmente que alén dos gobernos, todas as empresas que "están e van facer negocio en China" aproveiten a cita olímpica para falar en favor da necesidade do respecto aos dereitos humanos.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: