Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
O 'Caso Obradoiro' segue a preocupar á ACB

Docobo, presidente do Obradoiro: "Isto non ten volta de folla"

A liga profesional española está a ler e reler a sentenza do Supremo que deixa xogar ao equipo compostelán na tempada 2008-2009. O presidente do Obradoiro mantense seguro de seguir adiante.

A. Rodríguez - 19:50 27/11/2007



A ACB está a estudar xa a sentenza emitida na mañá deste martes polo Tribunal Supremo, pola que o Obradoiro podería xogar na tempada 2008-2009 na primeira división do baloncesto estatal.

A ACB, a Federación Española de Baloncesto e a Avogacía do Estado en representación do Consello Superior de Deportes, opuxéronse conxuntamente ao último recurso do Obradoiro para ser inscrito na Liga profesional; de feito, un equipo de avogados da ACB xa anda a estudar a sentenza, para atoparlle algún punto feble por onde collela.

Pero agora, tras a resolución do Supremo, a única posibilidade que lle quedaría á ACB sería recorrer ao Tribunal Constitucional. Mais, segundo lle contou a Vieiros o presidente do Obradoiro, Xosé Anxo Docobo, "non hai volta de folla; ao Constitucional pode ir quen queira, pero desta vez non lles vai valer de moito porque esta sentenza do Supremo está baseada en varias resolucións do Constitucional".

Sen falar aínda de cartos, o Obradoiro ten "moitas posibilidades de xogar na ACB"
Docobo tamén dixo que as posibilidades de que o Obradoiro xogue na ACB son "moitísimas", e aínda que non falou moito do financiamento que barallan ("aínda temos até xuño de 2008 para pensar que imos facer e reaccionar; nin sequera se reuniu a xunta directiva"), si salientou que desta volta o pago sería factíbel (deben pagar o canon de hai 17 anos, uns 720 mil euros), e non como en 2003, cando lles pedían o actual (algo máis de 2 millóns e medio de euros).

Aínda que teñen pequenos apoios económicos (os patrocinadores, a Deputación, o Concello e algunha subvención da Xunta), a "cousa vai ir para adiante, e xa o sabemos dende o comezo, todos estes anos que levamos loitando".

Docobo (presidente do club dende hai ano e medio, pero en labores directivas dende 1992), tamén se referiu aos ruxerruxes que circulaban na mañá do martes sobre a posíbel fusión do equipo co Beirasar Rosalía, o outro conxunto compostelán de baloncesto, que xoga na FEB: "Todos eses ruxerruxes están infundados. A xunta directiva aínda non se reuniu e non tomamos posicións no asunto".


5/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: