O movemento ecoloxista expresa a súa máis enérxica repulsa a un modelo de concentración parcelaria que imita a política que o PP realizou en 16 anos.
| A FEG considera que á vista das primeiras actuacións de obra realizadas, no lugar de A Saborida en Vilatuxe, e na que se inclúen terreos protexidos pola Rede Natura 2000, o impacto ambiental e o deterioro paisaxístico pode rematar finalmente cun resultado catastrófico para a riqueza ambiental nunha das zonas da provincia de Pontevedra con maior superficie de carballeiras. |  En vermello os límites da RN200, Serra do Candán
|
O comezo das obras xa apuntan a que o trazado e ratio de novas pistas a abrir poden acadar unha densidade desorbitada, cunha alta ocupación de viais e longos trazados. Isto implica unha alta ocupación de superficie que se detrae de superficie útil a repartir entre os propietarios; os primeiros viais amosan unha escasa sensibilidade na protección ambiental, e nas que incluso non se respetan os perfís e desniveis do terreo e afectan a canles fluviais; leva a altos custes futuros de mantemento, co cal hipotecaran unha importante suma de diñeiro ou quedarán abandonadas. Neste sentido recordar, que a menos de 10 km. no Concello de Forcarei, na propia Serra do Candán, toda a rede de pistas executadas nunha concentración parcelaria fai menos de dez anos quedou completamente sumida baixo as xestas, e na que incluso xa se están talando piñeiros de 15 cm.
 Obras, modificando os leitos dos ríos
| A FEG solicita á Consellería que paralice inmediatamente as obras, e que reconsidere os aspectos técnicos do proxecto para adecualos a unha rigorosa planificación territorial acorde cos valores ecolóxicos do lugar. Que dentro dos criterios de revisión se incorporen as previsións de xestión do Plan de Conservación do Lugar de Interese Comunitario da Serra do Candán, e que se faga en concordancia coa política comunitaria de protección de hábitats e da fauna ameazada. Neste sentido, a FEG reclama a intervención da Consellería de Medio Ambiente, dunha maneira igual de contundente coma no caso da denuncia, no mesmo lugar, fai agora 15 meses contra o Concello de Lalín pola apertura dun circuíto de Quads. Calquera que compare as dúas intervencións apreciará que a afección do circuíto ilegal ( que a Feg segue a considerar coma grave) é mínima co escenario actual das obras executadas. |
A FEG reclama igualmente á Consellería de Medio Ambiente que de continuar as obras coa magnitude e intensidade que se están a realizar vede inmediatamente á caza as zonas afectadas, debido a motivos de seguridade as persoas e traballadores da obra e de protección á fauna que está asediada por importantes molestias.
A FEG amosa tamén a súa preocupación polo resultado que pode ter a realización desta parcelaria na convivencia entre veciños afectados, principalmente polo inicio das obras en zonas pertencentes a Monte Veciñal en Man Común, uns terreos que deberían gozar dunha xestión radicalmente diferente. A FEG puido comprobar que varios veciños do lugar lamentan a escasa información ao respecto, e amosan o seu descontento e incomprensión polo feito de que as obras invadan monte veciñal, sospeitando incluso que existan algún interese descoñecido.
Con relación a política da Consellería de Rural a FEG considera que non incorporou ningunha medida que a diferencie no fondo coa política desenvolta co anterior goberno, e que tan fortemente for a criticada polos que agora gobernan. Estes feitos veñen a sumarse aos detectados nos Concellos de Ordes, Carballo, Betanzos, entre outros, e as intencións xa declaradas aos veciños do entorno da futura ZEPA de A Limia. Por estes motivos a FEG está a elaborar un dossier para presentación ante a Unión Europea coma mostra do uso dos fondos que se fan en Galiza para a destrucción de espazos protexidos a nivel Europeo.