Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
A historia do Clube Atlética A Silva de Cerceda

Adestrando no paso de peóns, correndo polas leiras… e gañando medallas

Até hai nada tiraban o martelo nunha leira, e tiñan que atravesar un paso de peóns para ilo buscar. As súas vidas en risco, mais con varias medallas estatais no peto.

A. Rodríguez - 09:00 03/12/2007
Soraya Blanco gañou hai nada o Criterium estatal de cadete de atletismo

Soraya Blanco gañou hai nada o Criterium estatal de cadete de atletismo

Fican ben poucos deses clubes modestos no país. Deses que adestran nun campo que lles pela os xeonllos, cheo de coios; ou que corren polas leiras ou polas praias, faltándolles as pistas de atletismo; ou que comparten entre trinta unha cancha, un balón ou unha xavelina... poucos quedan así, e aínda menos como o clube que hai oito anos se creou nunha aldea do Concello de Cerceda, na Silva, na parroquia de Rodís: daquela puxéronlle Club Atlética A Silva, e está facendo historia.

A cousa é seria. Neste clube de atletismo corren, saltan e lanzan peso todos; os fillos, as fillas e mailos pais e nais, e case todos son campións do seu estilo e na súa categoría en Galiza, e moitos deles teñen mesmo boas clasificacións a nivel estatal e son promesas que a selección de atletismo debería ter en conta para as concentracións europeas. Todos son de Cerceda, da Silva, e dos arredores, aínda que ultimamente estea chegando xente doutros clubes (de Arteixo ou da Laracha, por exemplo) para adestrar cos do Clube Atlética A Silva, pero non polas súas xeniais instalacións, cos últimos avances en material deportivo... porque áté hai nada os da Silva adestraban onde podían.

Hai 8 anos: o nacemento do Clube Atlética A Silva
Naquela altura Pepe Domínguez conseguía o seu primeiro destino definitivo en Galiza. Era mestre de educación física no CEIP Celso Emilio Ferreiro da Silva.

Pepe Domínguez naceu en Granada, pero leva dende os 23 anos dando voltas por Galiza, dun colexio a outro. Agora ten 35 anos e hai 8 que vive en Cerceda, xusto o tempo que leva andando o Clube Atlética A Silva, do que é o principal ideólogo.

Falou con Vieiros cun acento galego que abraiaba, e aínda que ás veces se expresaba en castelán, o de chamarlles "rapaces" aos atletas e "leiras" ás leiras non o puido evitar. Era, até este ano, o único adestrador, traballo que agora comparte con Fernando Pan (que se incorporou a tempada pasada, a oitava do clube), e o mestre de Lingua Inglesa, Joaquín Casal, que lles bota unha man. Hai só dous anos que cobran, financiados os seus soldos polas cotas dos socios e socias.

De nome de poeta a planta salvaxe, picona, que dá amoras...
Ao comezo o clube levaba o nome do colexio, e nel estaban uns 18 rapaces da escola que practicaban atletismo. Ían a campionatos de deporte escolar e aínda se lles daba ben a cousa.

Mais dende 2005 chámase como se chama e, de súpeto, xa hai preto dos 100 atletas federados; homes e mulleres dos 7 a máis de 45 anos (teñen a un atleta que ten acabadiños de cumprir os 50), algúns deles. O ano pasado comezaron a competir a nivel estatal e xa trouxeron para a casa 3 medallas, na categoría cadetes, e 10 na de maiores de 35 anos (5 delas das mulleres).

Se cadra os veteranos (maiores de 35 anos) son os que teñen máis mérito. Na vida correron nin xogaron a nada... ningún deles practicou ningún deporte en serio, e ningún competiu en ningures en moitos anos. Pois agora andan roubándolles medallas a outros atletas, ex profesionais!

As curiosas "pistas de atletismo" de Cerceda
Os atletas da Silva son uns ases lanzando cousas. Lanzan o martelo, o disco e a xavelina coma ninguén. E até hai uns meses facíano nunha leira, que quedaba xusto en fronte dun paso de peóns o que lles facilitaba, daquela maneira, o adestramento: tiraban o que fose con forza á leira (xavelina, martelo, disco...) e atravesaban o paso de peóns, mirando cara os dous lados, antes de ila recoller... e así sucesivamente.

Os que tiñan que correr, corrían tamén polas leiras, e os que saltaban (cousa que tamén se lles dá moi ben en Cerceda, sobre todo en lonxitude), tiñan que o facer tamén nunha leira. Sete anos seguidos adestrando así. Non é de estrañar que cando andan polo mundo competindo e chegan a unha pista de atletismo "normal", quedan encantados. "Gozamos aínda máis que o resto de equipos", conta Domínguez.

Este ano o concello púxolles uns círculos de lanzamento no chan, a carón do cemiterio, "deste xeito non morremos atropelados nin matamos a ninguén, aínda que cheguemos ao cemiterio cos lanzamentos", di Domínguez de brincadeira. No polideportivo tamén lles puxeron un foxo de area para os de salto, ao que teñen que chegar correndo por baixo das gradas e dun valado, cara fóra. Se chovía, antes mollábanse. Agora teñen unhas xavelinas e uns martelos de foam (dese material plástico e brandiño), e uns discos de caucho que lles serven para non estragar o chan do polideportivo cando adestran.

"Despois de todo o que estamos a facer, comezan a facernos caso"
Como as cousas aínda lles van saíndo ben, o concello xa lles prometeu unha pista de atletismo propia (que estaría na estrada entre A Silva e Cerceda). Andan xuntando cartos, e pode que cheguen a ela nuns anos, coa axuda da Deputación da Coruña e da Xunta (andan xa tratando a cesión dos terreos). Das achegas dos socios sae o soldo dos adestradores; a Xunta axuda con cantidades entre os 500 e os 1.000 euros, que se empregan para mercar material; a Deputación tamén dá un 1.200 euros para material e á volta de 500 ou 800 para organizar a carreira popular da Silva. Logo, os concellos de Cerceda e de Tordoia subvencionan os transportes por Galiza, e os voos e as estancias en hoteis cando compiten fóra. Todo isto dende hai pouco tempo, porque os cartos e o apoio foise conseguindo aos poucos, segundo contou Pepe Domínguez, "despois de todo o que estamos a facer, comezan a facernos caso".

Agora andan á procura de patrocinador, e barallan un orzamento de 12 mil euros. Comezaron gastando uns 100 euros, e fóronos multiplicando até os 6.000 do ano pasado. Este ano precisan o duplo, porque xa están a competir a outros niveis (foron a 58 competicións, cando outros clubes do estilo van a tres ou catro na tempada). A súa dedicación e os adestramentos personalizados que adoitan facer (adestran á volta de tres horas á semana, pero sen importar moito o horario, adaptándose ás necesidades dos atletas), é o que fai que moita xente doutros clubes veña adestrar a Cerceda.

As medallas dos da Silva

Dos 18 atletas que hai na selección galega de escolares (cadetes de xuvenís), dous de cada grupo son de Cerceda. Os pequenos de todo destacan no salto de altura (son campións galegos); os medianos teñen varias medallas a nivel estatal (Natalia Liste ten a mellor marca do Estado en lanzamento de xavelina cando era infantil de 2º ano e agora é dupla Campioa Galega en Lanzamento de Xavelina e Peso, e 3º no Campionato Estatal por Comunidades Autónomas, en xavelina; Borja Barbeito foi duplo Campión Galego en Salto de Altura (Pista Cuberta e ao Aire libre) o ano pasado, e este ocupa o 3º posto no Campionato o Estatal en lanzamento de xavelina; Soraya Blanco é Campioa Criterium Nacional Cadete 2007, ten a mellor marca galega de lanzamento de martelo nesta categoría e está de terceira no ránking estatal de lanzamento de martelo.)

Entre os veteranos destacan Pili Regueiro, ("a nosa mellor veterana", conta o adestrador), que é medalla en peso e salto de lonxitude; e Azucena Bermúdez, que é medalla en salto de lonxitude, ámbalas dúas a nivel estatal.

"Non van poder vivir disto... se cadra seis anos, se son bos. Han de ter outro traballo"
"É unha mágoa, pero se se desen tantos cartos ao atletismo como se lle dan ao fútbol...", laméntase Domínguez pensando nos seus atletas, moitos deles promesas a nivel nacional e estatal.

De feito, cinco deles están bolsados pola Xunta (van concentrarse cada certo tempo con outros atletas) e os mellores lanzadores van cada sábado até a A Coruña, para traballar no Núcleo de Alto Rendemento con Raimundo Fernández ("sorte que non vive en Madrid ou Barcelona", comenta divertido o adestrador). A federación vailles dando axudas e eles van facendo o que mellor se lles dá aos de Cerceda, lanzar cousas, saltar cousas... e ir gañando medallas.

Xusto cando terminabamos de escribir isto todo, soubemos que Pepe Domínguez, o adestrador do clube (que tamén compite, sendo 5º do estado en Probas Combinadas -decatlón-) acaba de se clasificar para ir aos Mundiais na categoría de veteranos de pentatlón, que se vai desenvolver na cidade francesa de Clermont Ferrand, en abril de 2008.


Documentos

4.75/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Pepe Domínguez, o ideólogo do Club. Tamén compite e acaba de se clasificar para o Mundial de Veteranos (na imaxe)
Pepe Domínguez, o ideólogo do Club. Tamén compite e acaba de se clasificar para o Mundial de Veteranos (na imaxe)
Moitos dos membros do clube, este verán en Compostela (mascota incluída)
Moitos dos membros do clube, este verán en Compostela (mascota incluída)
Os veteranos todos do clube
Os veteranos todos do clube
Isabel Bermúdez deulle á Silva o primeiro título estatal, chegando aos 6,24 metros en lanzamento de peso, na categoría de veteranos
Isabel Bermúdez deulle á Silva o primeiro título estatal, chegando aos 6,24 metros en lanzamento de peso, na categoría de veteranos
O polideportivo da Silva, onde adestran cando chove
O polideportivo da Silva, onde adestran cando chove
As instalacións (ou non instalacións) nas que adestrou o clube durante anos (leiras, terras), contrastan co bo estado do campo de fútbol de Cerceda
As instalacións (ou non instalacións) nas que adestrou o clube durante anos (leiras, terras), contrastan co bo estado do campo de fútbol de Cerceda
A muller da esquerda é Azucena Bermúdez (medalla en salto de lonxitude). A outra é Pilar Regueira (medalla en peso e salto de lonxitude)
A muller da esquerda é Azucena Bermúdez (medalla en salto de lonxitude). A outra é Pilar Regueira (medalla en peso e salto de lonxitude)
Influirán os efluvios da central de Meirama (na imaxe) ou da planta de Sogama na forza dos da Silva?
Influirán os efluvios da central de Meirama (na imaxe) ou da planta de Sogama na forza dos da Silva?