Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A taxa máis alta dende agosto de 2006

O IPC sobe até o 3,4% e dificulta aínda máis o aforro das familias

O Índice de Prezos de Consumo (IPC) subiu o pasado mes en Galiza un 1,7 por cento, catro décimas máis que a media do Estado.

Redacción - 12:55 14/11/2007
Tags: consumo INE IPC

O mes de outubro supuxo para Galiza unha notábel suba nos prezos de consumo. O incremento situouse no 1,7 por cento, alcanzando una variación anual do 3,4, dúas décimas menos que a media estatal. Estes datos supoñen un incremento de nove décimas con respecto á media interanual, converténdose na taxa máis alta en Galiza dende agosto de 2006, segundo reflicte o informe do Instituto Nacional de Estatística (INE).

O incremento maior sobre o mes anterior rexistrouse no vestido e no calzado, que subiron nun 9 por cento, mentres que o que máis baixou foi o prezo do ocio e da cultura, rexistrando un descenso do 0,8 por cento. Se temos en conta os datos referentes á media do que vai de ano, as bebidas alcólicas e o tabaco son os grupos que sufriron unha suba máis elevada, chegando até o 6,2 por cento, e os produtos relacionados coa medicina foron os que máis diminuíron, nun 2,3 por cento.

Con respecto ao Estado, o incremento dos prezos galegos sitúase no mesmo nivel que Asturias, Madrid e Navarra, superando as taxas de Ceuta (2,5), Melilla (3,0), Baleares (3,2) e Canarias (3,3). Pola contra, a inflación incrementouse de xeito superior no resto do Estado, alcanzando Murcia a suba máis elevada (4).

Perda de competitividade
O incremento do IPC marca tamén un problema con respecto ás exportacións galegas. Segundo o colaborador de Vieiros Economía, Xosé Anxo Grandío, as empresas galegas están a perder competitividade debido ao incremento dos prezos de consumo, co que se produce un descenso das exportacións. "O mercado potencial galego é a Unión Europea, pero se se incrementa o prezo de fabricación dun produto, as condicións de venda cara o exterior vense prexudicadas. Coa suba do IPC, as empresas teñen que sobir os salarios aos traballadores, e, ao tempo, incrementar o prezo final do produto debido a que o custe das materias primas tamén é máis elevado".

Na súa análise, Xosé Anxo Grandío afirma que a existencia da moeda única europea aumenta o problema da competitividade "existe unha taxa de cambio que vai equilibrando as exportacións, coa devaluación da moeda mantense a competitividade, pero debido ao euro, isto ten efectividade só con respecto aos países de fóra da Unión Europea".

No que respecta aos consumidores, a suba do IPC afectaralles sobre todo no aforro máis inmediato, "baixa o aforro das familias e con el tamén tamén o fai a venda das empresas cara o interior do país". O efecto será sobre todo a curto prazo, xa que a longo prazo o aforro equilíbrase coa suba dos salarios que supón o IPC.


3,86/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: