A campaña, posta en marcha por unha compañía de telefonía, pretende demostrar que se pode vivir unha semana comunicándose só con internet móbil.
Serxio Pazos, no seu encerro voluntario
O actor ourensán Serxio Pazos meteuse este martes nun remolque transparente dun camión para demostrar que se pode vivir unha semana comunicándose só a través da internet por medio dun teléfono móbil. Todo o que lle aconteza pódese seguir en directo nunha páxina web, dende onde tamén se lle poden enviar mensaxes.
Pazos enfróntase a un difícil reto, pois non pode empregar o teléfono para facer chamadas nin para enviar mensaxes, e, dende o principio, o seu habitáculo está baleiro. Así que terá que conseguir todo o necesario para sobrevivir a través da rede. Para facer trocos dispón de cinco teléfonos móbiles de última xeración e un libro da escritora luguesa Marta Rivera de la Cruz.
Con este peculiar reality show en vivo, a compañía telefónica Vodafone pretende promocionar o seu servizo de conexión á internet. Pero a iniciativa tamén ten un lado solidario, pois recadaranse fondos para a Fundación ANAR de axuda a nenos e adolescentes en risco.
A viaxe comezou en Madrid, co gallo da feira da informática SIMO, e traerao a Galiza o xoves e o venres. O día 8 o autobús estará aparcado na praza do Obelisco, na Coruña, e o 9 no campus universitario da mesma cidade.