Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
Adían outra vez os accesos do tren ao porto

Hai plan para Ferrol?

Lento e pouco ambicioso. Son queixas que desde varios sectores abrollan en Ferrolterra sobre o plan para a zona.

Redacción - 09:00 02/11/2007
Tags:

Malia ser unha infraestrutura clave para o desenvolvemento da comarca, o porto exterior de Ferrol segue sen ter garantidos os accesos ferroviarios. Os orzamentos do goberno español para este ano pasan por alto a obra. No esquema da comisión de seguimento do Plan Ferrol aparece só a esperanza de que en 2008 haxa unha partida orzamentaria para a redacción do proxecto técnico. Do grupo de traballo que ao respecto do porto exterior se ía crear, non se sabe nada polo momento. Xa que logo, non está claro cando podería estar a infraestrutura completa.

A eiva portuaria destaca entre os déficits postos de manifesto durante a xuntanza de seguimento esta semana, na sede do Instituto Galego de Promoción Económica, o Igape, arredor do que foi bautizado como Plan de Desenvolvemento Integral Ferrol, Eume e Ortegal para o treito 2007-2011. Aló estivo o propio conselleiro de Economía, Xosé Ramón Fernández Antonio, un representante da área de reindustrialización do Ministerio de Industria, o director xeral do Igape, Álvaro Álvarez-Blázquez, o director da oficina xestora do Plan Ferrol, Ángel Sucasas, e representantes da Asociación Impulsora do Plan Ferrol.

Pesimismo dos axentes sociais
As administracións son conscientes dos investimentos necesarios pero na práctica non hai compromisos concretos a prol deses desafíos. Arredor desta idea coinciden nos últimos tempos os diversos colectivos socioeconómicos do contorno de Ferrolterra. Especialmente pesimista se amosou esta semana a Asociación Impulsora do Plan Ferrol, desde onde o seu voceiro, Ángel García, tamén líder da Confederación de Empresarios de Ferrolterra, Eume e Ortegal, sinalou que os axentes sociais da comarca estudan xa convocar a mobilizacións para facer presións fronte ao "inmobilismo" das administracións. Desde a CIG e CCOO sinalan tamén a falta de compromiso das administracións para resolver a situación.

Alén da preocupación polos accesos ao porto, salientan tamén a falta de datos claros sobre os plans da Sociedade Estatal de Participacións Industriais cos estaleiros, e láianse de que acabe de pasar pola cidade o ministro de Defensa sen deixar ningún compromiso claro nin mencionar sequera o Plan Ferrol. Por outra parte, consideran por exemplo que se debería realizar un Plan de Ordenación Territorial específico para Ferrol e as comarcas próximas, ou cando menos prever a necesidade de que se coordinen actuacións conxuntas. Denuncian tamén a desatención coas necesidades de solo industrial, cun importante atraso acumulado xa no polígono de Leixa e sen cartos confirmados para o proxecto no contorno de Mandiá.

O PPdeG cualifica o plan de "burla"
Nesta conxuntura, o PPdeG aproveitaba esta semana para definir o Plan Ferrol de "instrumento de mercadotecnia" presuntamente "usado polo PSOE como instrumento político". "En realidade sempre estivo coxo e que nunca tivo verdadeira vontade de resolver o déficit de desenvolvemento industrial e económico da bisbarra", refiren os populares sobre o citado plan. O PPdeG considera que as administracións xogan "coa boa vontade" dos axentes sociais de Ferrolterra e dubidan de que exista unha verdadeira vontade de resolver os problemas de desenvolvemento industrial da zona. "Durante os últimos catro anos, todos os proxectos relevantes se viron ralentizados", subliñan.

Citan ao respecto o bloqueo da segunda fase do porto exterior, o atraso da alta velocidade ferroviaria á cidade e do treito da autovía a Vilalba como exemplos do "baixo investimento público" dos últimos catro anos en infraestruturas. Láianse ademais do freo "a calquera posibilidade de que a iniciativa privada puidese reflotar o estaleiro de Astana, consolidando a construción naval civil como un dos motores da economía ferrolá".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: