Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Encontro en Marrocos

As radios comunitarias a debate en Rabat

As conferencias teñen como obxectivo a mellora das capacidades e do impacto social das radios comunitarias. Dende Rabat, informa para masvoces.org o enviado especial Carlo Cascione (en castelán):

Redacción - 11:50 25/10/2007

A Asociación Mundial de Radios Comunitarias (AMARC) e a UNESCO organizaron estes días en Marrocos o encontro "Radio Comunitaria en África Oriental e Norte de África: compartindo experiencias para o desenvolvemento e a construción da democracia dende as bases", onde se debateu sobre a importancia das radios comunitarias á hora de causar impacto na sociedade.

Rabat foi o escenario elixido para que os representantes dun centenar de emisoras africanas comentasen a situación particular das radios comunitarias de cadanseu país, e entre todos debatesen sobre a mellor forma para aumentar o impacto social deste tipo de emisoras. Ademais deuse especial importancia á necesidade de fomentar as radios cidadás nas rexións onde aínda non están moi desenvolvidas.

A AMARC analizou tamén a lexislación vixente e as estratexias para acabar coas barreiras que impiden a extensión deste tipo de radios e reflexionouse sobre a forma de fortalecer estes medios como vía para achegarse á resolución dos conflitos e á consolidación da democracia.

Experiencias galegas

Son varias as emisoras comunitarias que actualmente están levando a cabo unha tarefa informativa en Galiza. Dende A Coruña a Vigo e dende Compostela a Lugo, as radios libres transmiten as súas mensaxes polas ondas do noso país. Actualmente xa existe un organismo no que se recollen as principais radios comunitarias galegas, é a Rede Galega de Radios Comunitarias (REGARLIC).

Con diferentes obxectivos, estas radios coinciden na idea de crear uns medios de comunicación diferentes, nos que dar resposta ás necesidades da sociedade que non son satisfeitas polos medios de masas, e independentes dos intereses mercantilistas e publicitarios. En moitos casos xorden como iniciativa dunha asociación veciñal ou xuvenil, como é o caso da Radio Roncudo, que se pode escoitar en Malpica, Cabana, Ponteceso, Laxe, Camariñas, Vimianzo e Zas, ou a Radio Cuac FM da Coruña.

Ademais destas dúas emisoras, existen outras como a compostelá Radio Kalimera, que nacera como voz da universidade e que finalmente se transformou nunha iniciativa da coordinadora da mocidade do barrio de Vite; ou a Radio Piratona de Vigo, que foi creada coa arela de expresar libremente opinións e de criticar e ofrecer alternativas sobre a información que lles afecta. A Radio Claví de Lugo ou a Filispín de Ferrol completan unha lista que está en constante movemento.

Estes medios de comunicación tamén poden adscribirse nunha rede estatal, na que compartir ideas e recoller información útil para a mellora deste sistema.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Radio Piratona
Radio Piratona