Os premios que concede RNE son dos máis importantes do panorama cultural do Estado.
Con este novo galardón, o cuarteto que co seu nome honra a memoria do grande violinista galego Manuel Quiroga, incrementa o seu currículo no que xa conta, entre outros, co Segundo Premio do Xurado dos Intérpretes e o Premio Único do Xurado da Crítica e a Prensa Internacional, recibidos o pasado mes de xullo no Concurso Internacional de Cuartetos de Corda de Bordeos. Tamén ten recibido varios premios no estado, como o Primer Palau 2005.
O xurado do premio "Ojo Crítico" na modalidade de Música Clásica, fallado o pasado luns, escolleu o Cuarteto Quiroga pola súa "incuestionábel calidade artística e a súa notable traxectoria en só catro anos de existencia", así como pola necesidade de "potenciar a música de cámara, tradicionalmente postergada". O xurado estaba composto pola arpista Susana Cermeño, por Juan Lucas, director de cine, Alfonso Carraté, director de Ediciones Orfeo e da revista Melómano, o musicólogo José Luis Pérez de Arteaga, o redactor do programa El Ojo Crítico, Juan Carlos Soriano, e pola directora e presentadora do programa, Ana Roldán.
O Cuarteto Quiroga está formado polo violinista galego Cibrán Sierra-Vázquez, membro fundador, e mais por Aitor Hegia (violín), Lander Etxebarria (viola) e Helena Poggio (viloncello).